"A arte urbana está máis en auxe que nunca". Esta é a mensaxe de dous lugueses candidatos a mellor mural do ano

A votación fecharase a finais deste mes de xaneiro e para participar basta con entrar na web 'streetartcities.com'.
'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021 (Foto: Nós Diario).

Os artistas urbanos de Lugo Diego As e Rubén Paz, nomeados ao título a mellor mural de 2022, coinciden en que a arte urbana en Lugo "está máis en auxe que nunca".

Grazas á irrupción do propio Diego As no panorama nacional e internacional co seu premio ao mellor grafitero de España en 2021 e o galardón a mellor mural urbano internacional 2021, "aos poucos fóronnos coñecendo máis", asegurou Rubén Paz esta quinta feira.

As opta a renovar o título cun mural na Comandancia da Garda Civil de Lugo no cal se mostra a "un home ou unha muller" co traxe oficial cun neno en brazos.

"A idea é que a xente o vexa e o interprete como o sinta, que cada un vexa o que queira", explicou o lucense, que confesa que desde que saltou á fama non para de traballar con encargos.

Agora, gustaríalle "ter un pouco máis de tempo para un proxecto propio de estudo”, acrecentou.

Pola súa parte, Paz esbozou un Don Quixote moi coloreado na fachada do Colexio Cervantes, onde estudou. "Aínda que non se me daban moi ben os libros", manifesta.

Sen ser unha persoa á que a plástica se lle dese "especialmente ben", Paz foi interesándose aos poucos pola arte urbana.

"E iso que o meu primeiro debuxo foi cun spray de pintar o pelo", lembra entre risas.

Ambos os lugueses están moi agradecidos e emocionados polo seu nomeamento, pero máis aínda por volver colocar a cidade de Lugo no panorama artístico internacional.

A votación fecharase a finais deste mes de xaneiro e para participar basta con entrar na web 'streetartcities.com'.

Comentarios