Compromiso co rigor histórico e a lingua galega. Eses son os dous piares sobre os que se constrúe a revista Mazarelos, que leva xa máis dun ano funcionando na rede e o pasado outubro se decidiu a dar un salto ao papel. Esta quinta feira 6 de febreiro preséntase na Fundaçom Artábria de Ferrol ás 20 horas.
Con preto de 20 persoas vencelladas a un proxecto que non deixa de medrar, Mazarelos teima en achegar o coñecemento histórico ao público xeral, procurando un equilibrio entre a divulgación e a calidade da información. A campaña de micromecenado, na que participaron 120 persoas, permitiulles que o primeiro número saíse do prelo en xaneiro deste ano.
Compromiso co rigor histórico e a lingua galega. Eses son os dous piares sobre os que se constrúe a revista Mazarelos
Após lograr este obxectivo, a acollida está a ser tan boa que os obrigou a encargar unha reedición, explica Roque Sanfiz, un dos promotores do proxecto, a Nós Diario. "A tirada total sería duns 250 exemplares", acrecenta. Ademais, o proxecto vai pasar a ter unha periodicidade cuadrimestral e xa ofrece dúas modalidade de subscrición (de 30 a 50 euros) para garantir o seu mantemento.
A revista dálle voz a novos enfoques e correntes dentro dos estudos historiográficos. Temas como o papel das labregas nos conflitos da primeira metade do século XX, a represión cara á muller durante o primeiro franquismo" ou a "fronte interior" na comarca do Ribeiro son algúns dos capítulos que centran as reflexións deste grupo de estudantes. O segundo número está xa aberto ao envío de propostas.
Ademais de repartirse ás subscritoras, a revista pode mercarse nas presentacións. Alén da de Ferrol e da que tivo lugar o pasado mes en Compostela, a Asociación Mazarelos pasará por Ribadavia (15 de febreiro) e A Coruña (5 de marzo).