Os residuos urbanos convértense en material artístico nesta exposición en Pontevedra

A exposición pode visitarse ata o 19 de abril.
Monstruo 16 é unha instalación de grandes dimensións que nestas semanas pode contemplarse no local da asociación Kentada, impulsada por egresados da facultade.

Creada con residuos urbanos polo alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes da Universidde de Vigo Álex Fuertes e o artista e profesor desta facultade Ignacio Pérez-Jofre, Monstruo 16 é unha instalación de grandes dimensións que nestas semanas pode contemplarse no local da asociación Kentada, en Pontevedra.

Xunto a unha peza construída con diferentes materiais atopados nas proximidades deste espazo, a exposición complétase cunha proxección que permite coñecer os 15 “monstros” que precederon a esta peza, unha serie de creacións efémeras que Fuertes e Pérez-Jofre desenvolven en espazos abandonados con materiais de refugallo da súa contorna.

Pensamento ecolóxico na pintura

Como explica Fuertes, a liña de investigación que desenvolve para a súa tese, dirixida por Pérez-Jofre, céntrase en estudar "de maneira práctica e teórica a utilización dos residuos sólidos urbanos na pintura actual e o que isto implica", o que leva á súa vez a abordar "o pensamento ecolóxico na pintura", na idade das "cidades contemporáneas entendidas como vertedoiros" ou nas "calidades plásticas dos residuos".

Estas dimensións vense á súa vez condensadas en Monstruo, un proxecto conformado principalmente por "intervencións efémeras en espazos fóra do tecido produtivo da cidade", nas que levan a cabo instalacións precarias, como explica Fuertes, só quedan rexistradas a través de fotografías.

Ao mesmo tempo, estas vense complementadas á súa vez por exposicións para as que se constrúe unha peza inédita “cos residuos atopados nas inmediacións do espazo expositivo. Ese foi o caso de Monstruo 13, exhibido en decembro en Estudio Abierto de Vigo, e neste Monstruo 16, que pode visitarse até o 19 de abril.