A RAG celebrará a inicios de 2023 o centenario da morte de Murguía con tres xornadas

"Intelectual polifacético e figura fundamental do Rexurdimento, considerado o gran construtor da nacionalidade galega", define a RAG a Murguía.
O escritor e primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía. (Foto: Arquivo Manuel Murguía)
photo_camera O escritor e primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía (Foto: Arquivo Manuel Murguía).

A Real Academia Galega (RAG )abrirá en febreiro de 2023 a celebración do centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923) con tres xornadas que revisitarán a súa figura e afondarán no legado de quen foi primeiro presidente da institución.

"Intelectual polifacético e figura fundamental do Rexurdimento, considerado o gran construtor da nacionalidade galega", segundo definiu a RAG a Murguía nun comunicado.

Tres eixos

As seccións de Historia e de Literatura da RAG organizan, en colaboración coa Casa de Rosalía e distintas institucións, o programa, que xirará arredor de tres eixos: Murguía e as institucións, Murguía e a idea da Galiza e a relación entre a literatura e a nación.

As xornadas terán lugar os días 2, 9 e 16 de febreiro de 2023 na Coruña, Santiago de Compostela e Padrón, tres escenarios vitais e simbólicos na traxectoria do historiador, responsábel da definición do ideario político do Rexurdimento e autor de obras como Historia de Galicia, fundamental na conformación da emerxente ideoloxía nacionalista naquel tempo.

As e os relatores

Os encontros contarán, entre outros relatores, co académico Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro, a biógrafa de Rosalía, María Xesús Lama, a investigadora Ana Acuña, o politólogo Ramón Maiz, o historiador Justo Beramendi e tamén o académico de número director da Sección de Historia a RAG, Ramón Villares.

O primeiro encontro, sobre a relación de Manuel Murguía coas diferentes institucións galeguistas e a creación dos símbolos da Galiza, terá lugar na Coruña o 2 de febreiro de 2023, o día do centenario do seu pasamento, e abranguerá temas como os precedentes da Real Academia Galega, con experiencias como a da Sociedad de Folklore Gallego, creada en 1881 tamén na cidade da Coruña, e a bandeira galega de Murguía e Rosalía de Castro.

Comentarios