A RAG afonda na onomástica galega nunha xornada no Museo de Pontevedra

A institución reúne en Pontevedra, entre outras persoas, escritoras e escritores que conversarán sobre os nomes dos protagonistas das súas novelas. A xornada rematará cun acto poético musical.

A Real Academia Galega (RAG) realiza ao longo deste sábado no Museo de Pontevedra a VII Xornada de Onomástica Galega, dedicada á relación entre os nomes propios e a literatura.

Organizado pola institución académica, inaugurouse ás 10 horas, no salón de actos do edificio Castelao cun acto no que participaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a coordinadora do programa, a académica Luz Méndez; a deputada de Lingua, María Ortega; e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey.

O programa está aberto ao público e inclúe unha mesa redonda (17 horas) na que Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey conversarán con Marilar Aleixandre sobre a escolla dos nomes dos protagonistas das súas novelas.

Xosé María Álvarez Cáccamo e Magdalena Gamallo poranlle o ramo á xornada cun acto poético e musical titulado “Cántico dos topónimos esdrúxulos” (18:30 horas).

As intervencións poderán seguirse tamén en directo desde a páxina web da RAG e desde a súa canle de Youtube oficial.

Ana Romero Masiá, nova correspondente

A historiadora Ana Romero Masiá foi nomeada membro correspondente da RAG. A nova académica, sinala esta institución, é un referente no estudo da historia da cidade da Coruña e dos seus movementos liberais e republicanos, e conta tamén con destacados traballos sobre os castros e a cultura castrexa e sobre educadoras como María Barbeito e Mercedes Tella.

A proposta sometida a votación destaca de Romero Masiá que é "exemplo, en toda a súa actividade, de compromiso coa lingua e a cultura galegas e coa súa promoción", en particular no referente á historia da Galiza.

A súa tese de doutoramento, dedicada á figura do líder sindical do tabaco Severino Chacón, foi dirixida por Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021), presidente da Academia e catedrático de Historia Contemporánea da Galiza

Comentarios