Mondra publicará o seu segundo disco, 'De ronda', o vindeiro 6 de maio
A presentación do segundo LP de Mondra e a estrea do novo espectáculo co cal xirará neste 2025 será o 10 de maio na Sala Capitol de Compostela.
Mondra publicará De ronda, o seu segundo traballo discográfico, o 6 de maio. O novo álbum do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu exitoso debut con Ardēn. Desta volta, Mondra propón "un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega".
A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións "ou 11 estados do corpo" de De ronda —do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e o irreverente Teño caldo quente—, un traballo que aborda "a sedución, seducir ou ser seducido", e no que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsábel da produción (Laboratorio Soyuz).
Mondra publicará o disco o 6 de maio e, catro día despois, o sábado 10 de maio, o artista presentará o seu novo espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, na Sala Capitol de Compostela.
Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da última escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado Ardēn, acadou o recoñecemento de público e crítica, ademais doutros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por Marimondra.

