Por que escribín ese libro...

Ana Pontón, Suso de Toro e Fran Alonso, director de Xerais, na presentación do libro o pasado 6 de outubro en Compostela (Foto: Arxina).
O nacionalismo galego é o intelectual nacional, o único ente que pensa o país. E nos últimos anos viviu convulsións agónicas e tamén un reaccionar e un rexurdimento vizoso, ese rexurdimento está liderado por unha nova xeración. De aí sae Ana Pontón.

"Leo en los periódicos que el escritor gallego Suso de Toro ha escrito, no sé si por devoción o por encargo, una biografía de la lideresa del BNG”, escribe Juan Soto no ABC. E aínda apunta: “Es extraño que la edad de la señora Pontón y su curriculum den para una biografía.”

Efectivamente, unha persoa dos anos de Ana Pontón non se encontra nese momento de repasar o vivido, aínda lle falta antes de pararse a ollar atrás. Descubrindo Ana Pontón non é unha biografía, é o retrato dunha política e tamén é un relato das dificultades vividas por unha organización. O relato de como foi cuestionada a propia existencia do nacionalismo galego e de como saíu fortalecido e anovado da crise.

E con dicir iso xa dou por contestada a pregunta implícita nese “no sé si por devoción o por encargo”, do artigo citado. Escribín ese libro por devoción a certos ideais e a unha causa, a do meu país. Fíxeno seguindo a miña natureza, que xa me criticou hai ben anos nese mesmo xornal madrileño un teórico da dereita española lamentando o meu “militantismo” impropio dun intelectual. Penso que se debe aceptar ese concepto e esa palabra e tamén que debera ir acompañada dun debate sobre a lexitimidade ou non dos modos de estar na sociedade dun intelectual, mais este non é o lugar nin momento.

Tiña razón aquel intelectual de dereitas, eu era, e son, militante. Ás veces con militancia partidaria e outras veces sen ela, recoñezo esa evidencia. Outro conto xa é que el non quixese verse tamén nese espello: un intelectual, da dereita.

"Un intelectual"

O que non sei se acabei sendo “un intelectual”, porque nunca aspirei a iso. Quixen ser escritor de obra literaria, non se me ocorreu o de existir socialmente como intelectual. Entre outros motivos seguramente porque daquela os únicos intelectuais no horizonte eran xente como José María Pemán, que nos falaba desde a TVE en branco e negro. O que si practiquei desde rapaz foi someter a realidade que me envolvía a crítica e utilizar a palabra para cambiala. Iso é ser “intelectual”? Eu prefiro dicir que é practicar a cidadanía. É interesante iso de ser intelectual, hai uns requisitos establecidos? Ter unha oposición ou título académico? Escribir nalgún medio de prensa? É máis intelectual quen escribe nun medio de Madrid que quen o fai nun xornal “de provincias”? Hai oposicións? Deixemos esas cuestións para os intelectuais.

Ese libro é declaradamente militante, o autor pon o oficio de escritor e os seus criterios ao servizo dunha figura da política, na que encarna unha estratexia histórica nun momento determinado. Porque as estratexias políticas existen a través das organizacións e estas teñen dirixentes e comunícanse socialmente a través de persoas concretas. E habería que esforzarse moito en negar unha evidencia: a sociedade galega olla con atención e simpatía esa figura que dá hoxe rostro ao BNG, un logro desa organización. Pontón é un evidente bandeirín de enganche para moitas persoas que nunca antes atenderon o que dicía o nacionalismo galego.

Evidentemente, ese libro feito non por encarga senón por devoción non lle vai gañar lectores nin simpatías ao autor. E como está ao servizo dunha idea do país e dunha estratexia política concreta non vai gozar tampouco de moitas mostras de cariño. Cando un actúa sempre corre o risco de equivocarse, mais pagou a pena escribilo polo que encontrei. Non me equivoquei coa personaxe nin coa idea.

Experiencia coa política

Aínda que nunca exercín a política de forma institucional, teño unha experiencia previa coa política e tamén con figuras da política que podo cualificar de intensa e extensa. Ademais de practicar a militancia de base, antes e despois de Franco, coñecín practicamente todas as figuras do galeguismo, da esquerda e do nacionalismo galego e tamén da esquerda española e catalá. Coñecín ou tratei varios presidentes da Xunta, varios presidentes de goberno español, con algún conservo o trato e a amizade, un lehendakari, varios presidentes da Generalitat catalá, con algún tamén conservo a amizade, ministros e ministras, dirixentes sindicais e económicos... Deixo estar á parte “intelectuais”, escritores e figuras das artes e a cultura.

E por que digo isto, que importancia ten esa relación de xente que eu teña coñecido? Ten a súa importancia para situar o libro, porque cando me acheguei a quen é a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego sabía das olladas previas sobre ela desde o paternalismo xeracional e desde o puro machismo. E, aínda que en distinta medida, souben desas olladas tanto desde un campo como desde outro. Así que o que quería era “tomarlle a medida”. Isto é, comparala e contrastala con esas outras figuras que coñecera anteriormente. E logo de observala, de conversar con ela e de vela a través das olladas doutras persoas que a coñeceron asino o retrato dela que fixen no libro
Ana Pontón é unha persoa consistente de carácter e unha dirixente política madura. E, se queren, tamén coa dureza necesaria para liderar e conquistar o poder. Conformada desde moi nova dentro do BNG en fortes conviccións e formada na militancia organizada e logo en responsabilidades de dirección. É produto dun continuo.

Mais, ninguén se engane, a pretensión de negarlle madurez ou capacidade política a Pontón non é outra cousa que a mesma pretensión de negarllo ao nacionalismo galego. É a pretensión de mantelo nunha posición minorizada, apto para protestar mais aínda non “preparado” para gobernar. E diso trata o libro realmente, do momento no que realmente se encontra o nacionalismo galego.

Galiza como nación

Hai aínda poucos anos a propia existencia da Galiza como nación, como país foi cuestionada. Nunha nova inflexión histórica, o españolismo con todos os seus medios chantou unha mensaxe na opinión pública galega: non era preciso que a Galiza existise por si mesma, que tivese existencia política propia, non precisaba organización propia. Xa as estruturas deste estado e os partidos que o representan abondaban para solucionar os problemas que cada galego ou galega particular tivese. E o BNG debera “apartarse”. Logo de “desangrarse”, o seu destino era desaparecer.

O libro relata precisamente iso, a crise existencial do nacionalismo galego e o sufrimento que se viviu no corpo físico desa organización. Un episodio de crise que era a agonía do proxecto que chegou a nós desde Antolín Faraldo, pasando polo Rexurdimento, as Irmandade e o Partido Galeguista. A auto organización nacional e a demanda de soberanía.

E como o BNG tras caer levantouse e houbo un salto dentro da organización, mais non unha ruptura pois de dentro da propia organización saíu unha nova xeración formada polas xeracións anteriores e púxose á fronte. Unha xeración que actualizou a mensaxe do nacionalismo galego: Galiza é posíbel, non hai rendición nin submisión. E nesa xeración resulta evidente o papel das mulleres que puxeron o feminismo como camiño e como ponte coa sociedade, sen iso non se entendería o que está a ocorrer.
Desa crise e da resposta á crise nace a personaxe política Ana Pontón que agora coñece a sociedade galega. Con iso foi co que me encontrei cando andaba a escribir ese libriño veloz. E digo que o meu país ten moita sorte, o BNG fixo unha destilación da súa experiencia e ofrece unha verdadeira dirixencia nacional.

O libro conta o momento dun proxecto que ten estruturas organizativas polo país adiante e a través da sociedade e tamén a experiencia de ter ensaiado e aprendido da xestión na Xunta, e que creou unha nova xeración e, efectivamente, unha dirixente principal co nome de Ana Pontón. O nacionalismo galego ten que asumir hoxe unha responsabilidade que antes nunca tivo realmente, gobernar.