‘Descubrindo Ana Pontón’: a primeira biografía da líder do BNG

O autor enxalza a nova xeración de nacionalistas

Ana Pontón, Suso de Toro e Fran Alonso, esta sexta feira en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, Suso de Toro e Fran Alonso, esta sexta feira en Compostela. (Foto: Arxina)

Descubrindo Ana Pontón, o primeiro libro biográfico sobre a portavoz nacional do BNG e escrito polo autor Suso de Toro, narra a traxectoria vital e política da dirixente nacionalista até liderar o BNG como "unha esperanza con fundamento" para a Galiza.

Así o destacou esta sexta feira o escritor e ensaísta Suso de Toro na presentación da biografía en Compostela, un acto no que participaron Pontón e o director de Xerais, Fran Alonso.

O autor asegurou que se enfrontou á escritura desta peza co desexo "como cidadán" de atopar "alguén con ideais e conviccións para facerse cargo das responsabilidades do país". "Unha figura de verdadeiro fuste e corpo político que poida asumir responsabilidades de goberno", destacou De Toro, que considera que este é o momento no que se atopa na actualidade tanto o nacionalismo como a portavoz do BNG.

O libro, que empezou a elaborarse na precampaña das municipais, viaxa desde a Sarria natal de Pontón até a súa etapa como "moza activista" a través da conversación cos seus compañeiros e compañeiras para chegar á actualidade a través de distintas miradas que analizan como se foi construíndo a figura da portavoz nacional do BNG. Así, inclúense testemuños de referentes do nacionalismo como Rubén Cela, Goretti Sanmartín ou Bieito Lobeira e Alfredo Suárez Canal.

Nova xeración no nacionalismo

"Podo dicir que a Galiza está de sorte, que hai unha organización galega, que é o BNG, que lle está ofrecendo unha nova xeración preparada para unhas responsabilidades históricas, cunha verdadeira líder, contrastada e que ten a altura e a medida exacta para conducir ao noso país", apuntou o escritor. Sostivo que no libro fai un "retrato" desa "figura" pero tamén un "relato" das experiencias que se viviron nos últimos anos, como a "crise" que afectou o BNG e da que emerxeu esta "nova xeración" capitaneada por Pontón.

Na presentación, a portavoz nacional do BNG explicou como "na primeira campaña sempre pensaba nas fillas das miñas amigas, porque vían unha candidata e para elas era romper moitos teitos de cristal", dixo, considerando necesario ter "referentes" que axuden a romper eses "teitos".

Pola súa parte, Fran Alonso describiu a obra como un libro “moi sinxelo de ler” e “moi humano”, que “explica á cidadanía quen é e de onde vén a candidata [do BNG] que pode ser a próxima presidenta a Xunta da Galiza".

Comentarios