Pura Tejelo: "Máis que un mes do ano é unha maneira de posicionarse na vida, parar e pensar de vagar"

Pura Tejelo vén de presentar o seu poemario Novembro (Urutau Editora). Fíxoo en Betanzos, en compañía da tamén escritora Pastora Veres, membro do grupo Nova Poesía Guitírica. Tejelo, licenciada en Historia pola USC, traballou como docente en bacharelato dando clase de lingua galega. Ademais, ocupou cargos de xestión na Agrupación Cultural O Facho da Coruña.
A autora de 'Novembro', Pura Tejelo (á esquerda), coa poeta Pastora Veres (Foto: Nós Diario).
photo_camera A autora de 'Novembro', Pura Tejelo (á esquerda), coa poeta Pastora Veres (Foto: Nós Diario).

Cal é a razón de escoller o mes de novembro como título do seu novo poemario?

No libro, novembro non é un mes concreto do ano, é unha maneira de estar. É un posicionamento do que partes para reflexionar. Collín esa referencia temporal por ser un pouco escura, cando os días duran pouco e ás cinco da tarde xa é de noite. É unha época na que nos metemos na casa ou en nós mesmas diante de calquera tipo de situación. Interiorízaste e pensas, reflexionas. É un tempo que presta para un cuarto de inverno. Un lugar onde te recolles para meditar. Coido que é necesario, pois logo do inverno sempre hai unha primavera. 

Ademais, novembro sempre foi un mes medio desprezado. Está antes do mes da ledicia que é o de decembro, no que todo son promesas e festa, e despois de outubro que é máis de colexio. Queda no medio. E aínda así ten moita atracción para a xente, sobre todo para os escorpios. 

Máis que un mes do ano é unha maneira de posicionarse na vida, parar e pensar de vagar.

Emma Pedreira fala no limiar de que é un "poemario demorado, de lume lento". Como foi ese proceso de creación?

Unha escribe dunha maneira moi emocional, polo menos se o que fas é poesía. A propósito non comezas a escribir un libro deste tipo, senón que hai situacións que ti recolles que responden a eses momentos da vida. O poema nace en calquera momento, sexa en xaneiro ou en agosto. Son textos que fun recollendo e que Emma captou moi ben. Esa atmosfera nosa ten moito que ver cos países nórdicos e fríos, onde se recollen as persoas. O proceso foi moi emocional. E de cocemento lento, como a pota de Astérix e Obélix! É algo lento e demorado até que van xurdindo as ideas.

Para a publicación do poemario escolleu Uratu como editorial.  

Despois de recibir o Premio Johán Carballeira por A elegancia do século tiña outro preparado que me gustaba moito e que se detivo pola pandemia. E de súpeto, na casa alguén falou desta editorial luso-brasileira que tiña una aspecto moi interesante. Sempre falamos da expansión da Galiza, dese mundo exterior que temos de lectoras e lectores de poesía. Pareceunos moi bonito. Foi por estar nese espazo lusófono tan atractivo. Ademais, gustáronme moito os seus deseños.

Na presentación en Betanzos, a finais de abril, contou coa poeta Pastora Veres e o grupo Lama Sabactani. Que os une? 

Pastora Veres é unha muller de gran prestixio. Traballadora social, coñecina a través de amizades comúns e pareceume moi adecuada para que estivera na presentación.

En relación ao grupo, souben da súa actividade unha vez ao mes na Coruña con algún poeta na que viñan músicos para actuar en directo. Eran experiencias moi interesantes e moi concorridas polo que pensei que sería interesante que tamén participaran.

Pasou por Educación e traballou a normalización lingüística con alumnado inmigrante. Como lembra esa época?

Si, durante a miña carreira profesional no ensino medio houbo unha época, antes da chegada da crise, en que contabamos con moita inmigración nas aulas. Chegaban de todos os lugares e non sabían nin galego nin castelán. 

No instituto de Arteixo onde traballaba creamos unha revista co nome de Agromar na que aparecían artigos en primeira persoa que falaban desta integración. Elas e eles contaban en primeira persoa experiencias que eran moi traumáticas. 

As galegas e os galegos sabémolo ben pola nosa propia historia. Foi unha experiencia apaixoante que non me deixou moito tempo para escribir.

Comentarios