O público será protagonista dos Martín Codax da Música
A Sala Capitol de Santiago de Compostela, un dos espazos referentes para a música ao vivo na Galiza, acolleu esta cuarta feira a presentación dos 12º Premios Martín Códax da Música. Márcase así o punto de arranque dunha nova edición na que bandas e artistas poderán inscribirse nas diferentes categorías do 3 ao 23 de marzo. Arrouparon a presentación dos premios, organizados cada ano por Músicas ao Vivo, Jorge Pallarés, director de Marketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax, Jorge Cubela, responsábel de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural e Cultura na Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta da Galiza, e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra.
A cidade do Lérez é a anfitrioa da gala de entrega dos premios, que terá lugar o 28 de maio, e que gardará unha estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía oral tradicional.
A presidenta de Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia, e o vogal da directiva, Tomás Díez, explicaron que nos últimos anos se inscribiron máis de catrocentas candidaturas nas quince categorías musicais que conforman os Martín Códax.
Desde hai tres anos ademais, a categoría extraordinaria de Artista Emerxente, é unha das máis celebradas. Ademais, os premios contemplan os tres galardóns Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical, cómplices necesarios na música e parte imprescindíbel desa comunidade comprometida coa cultura musical galega.
O voto do público
Tras o encontro de celebración de finalistas, en maio, nas Bodegas Martín Códax en Cambados, comezará a segunda fase de votacións. Aquí decidirán socias e socios de Músicas ao Vigo e, desde o ano 2024, o público xeral.
O obxectivo de incorporar ao público nos Martín Códax é aumentar a participación efectiva no certame sen perder a lexitimidade que achegan o xurado profesional e as asociadas. No reconto final, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.

