Os premios Rosalía de Castro do PEN Clube xa teñen gañadoras

Odete Costa Semedo, na categoría de Literatura en lingua portuguesa;  José Mª Merino, na de Literatura en lingua castelá;  Josep Mª Miró i Coromina , na de Literatura en lingua catalá; e Leire Bilbao, na de Literatura en euskera, foron as persoas galardoadas. 
 
Odete Semedo, gañadora na categoría de Lingua Portuguesa.
photo_camera Odete Semedo, gañadora na categoría de Lingua Portuguesa.

O xurado da XIV edición dos Premios “Rosalía de Castro” do Centro PEN Galiza, integrado por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Xosé Ramón Pena, Kathleen March, Luis Menéndez, Manuel Guede e Pablo Rubén Eiré, outorgou, no día de onte, en Santiago de Compostela, os galardóns correspondentes ao 2022, que recaeron en: 

Odete Costa Semedo (Literatura en lingua portuguesa) Poetisa, escritora, política e investigadora de Guinea Bisáu. Licenciada en Linguas e Literatura Modernas na Universidade de Lisboa, foi presidenta da Comisión Nacional pola UNESCO – Bissau. Foi Ministra de Educación e de Saúde e actualmente é investigadora no Instituto Nacional de Estudos e Pesquisas.

 

José Mª Merino (Literatura en lingua castelá) Narrador, poeta, ensaísta e Académico da Real Academia Española. Pese aos seu comezos poéticos, Merino cultivou principalmente a prosa: libros e artigos de viaxes, ensaios literarios, crítica, novelas, novelas xuvenís e contos. É conferenciante e narrador oral que, xunto con Luis Mateo Díez e Juan Pedro Aparicio recuperou o vello costume leonés do “filandón”.

Josep Mª Miró i Coromina (Literatura en lingua catalá) É un autor e director catalán, coñecido, entre outras obras, polos seus textos El principi d’Arquímedes, Nerium Park, Gang Bang ou El cos més bonic que s’haurà trobat mai en aquest lloc. Escribe as súas obras en catalá. Comezou escribir teatro en 2005. Os seus textos téñense traducido a máis dunha veintena de idiomas e, aparte de no estado español, téñense feito producións e lecturas en numerosos países arredor do mundo.

Leire Bilbao (Literatura en euskera) Licenciada en Dereito Económico pola Universidade de Deusto, ten colaborado nalgúns medios de comunicación, como Radio Euskadi, Deia e Berria. Na súa xuventude estivo vinculada ao mundo do versolarismo. Como escritora, desenvolve a súa obra sobre todo arredor da poesía e a literatura infantil e xuvenil. Ao longo da súa carreira ten sido galardoada con distintos premios. Varias das súas obras teñen sido traducidas ao catalá, ao español e ao galego.

No ano 1996, o Centro PEN Galicia, presidido daquela polo escritor Carlos Casares, instituiu os Premios “Rosalía de Castro”, destinados a galardoar a traxectoria literaria de catro autores ou autoras relevantes en lingua portuguesa, castelá, catalá e basca. A finalidade destes premios é distinguir desde a literatura galega, aos outros sistemas literarios da Península Ibérica (para as linguas castelá e portuguesa, extensivos a Iberoamérica e África). De carácter bianual, estes premios levan o nome de Rosalía de Castro, a escritora galega máis emblemática.

O acto literario de entrega dos premios terá lugar na segunda quincena de xaneiro e asistirán os homenaxeados e homenaxeadas así como os da anterior edición (Antonio Requeni, Lidia Jorge, Marta Pessarradona e Unai Elorriaga) que, por mor da pandemia, non puideron desprazarse á Galiza.

Comentarios