Os premios á arte da arquitectura viran cara ás solucións residenciais na Galiza

"Pop up pandémica" no hotel San Cibrao, que gañou un premio. (Foto: COAG)
O xurado dos Gran de Area do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) elixiu 13 achegas, 9 delas casas unifamiliares, pisos e mesmo un edificio de vivendas sociais. Tamén levou un premio un elemento pensado como solución dunha infraestrutura hoteleira fronte á Covid-19.

A arquitectura como arte vai máis aló dos edificios emblemáticos e achégase cada vez máis ao mercado inmobiliario, como vén de demostrar o fallo do xurado dos Premios Gran de Area de Achega á Arquitectura 2021 do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG).

Malia que entre as propostas gañadoras hai proxectos de diversa índole, as vivendas tiveron un papel moi destacado nesta edición, pois foron nove das iniciativas galardoadas. 

Após analizar 70 candidaturas durante seis longas horas, as persoas integrantes do xurado deste premio decantáronse por 13 inmóbeis repartidos por todo o país. 

Levan galardón unha vivenda unifamiliar edificada en Coles -e proxectada por Carlos Mosquera del Palacio, Alberte Pérez Rodríguez, Enrique Iglesias Lima e o estudo Tres pensando, escoitando e solucionando SLP- e outra de Pereiro de Aguiar que asinan Berta Peleteiro Varela e Juan Seara Oro.

Tamén se consideraron traballos de especial relevancia a rehabilitación dunha vivenda familiar e un xardín silvestre na Lama, obra do arquitecto Manuel Ángel Bugallo Otero, e unha vivenda entre medianeiras de Ourense pensada por Pablo Falcón Novoa.

Mais a listaxe non remata aí porque o xurado tamén escolleu un piso en Vigo que deseñou Pablo Menéndez Paz; unha casa en Marín proposta por Francisco Javier Vázquez Fernández, Perfecto Cendón Domínguez e o estudo Cendón-Vázquez Arquitectos SCP e a rehabilitación doutro fogar entre medianeiras en Vigo mérito de Cristina Margarita Ansede Viz e Alberto Quintáns Arrondo. 

Non só os fogares individuais en espazos abertos obtiveron o seu recoñecemento. O Gran de Area tamén se detectou nun apartamento no centro de Vigo que foi chamado "Un estoxo nunha caixa" de Rubén Rodríguez Iglesias, e un edificio de 36 vivendas de promoción pública, na mesma cidade, pero nesta ocasión ideado por Patricia Muñiz e Luciano G. Alfaya. 

O resto dos galardóns foron parar a escenarios máis urbanos e solucións inesperadas adaptadas aos cambios sociais. Así, Féliz Iribarne Blanco foi distinguido por un skatepark no lugar de Baltar, en Sanxenxo; Jorge Enríquez Méndez pola creación dunhas oficinas efémeras en Tui; Cecilia López Muíños e Juanjo Otero Vázquez por unha “pop up pandémica” no Hotel San Cibrao, no municipio de San Cibrao das Viñas; e Rodríguez+Pintos Arquitectos SLP por un espazo expositivo para debuxos de presos represaliados do franquismo en Oia.