mércores 19/01/22

As arquitectas galegas elixen as maiores aportacións á profesión neste 2020

Os Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020 foron fallados desde as delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG).
Vivenda unifamiliar Cangas (2)
Vista dunha casa unifamiliar construída en Cangas. (Foto: COAG)

Malia que este non semella un ano especialmente propicio para a construción, o Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) optou por celebrar igualmente os seus Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020. Coa axuda das delegación de Pontevedra, Vigo e Ourense escolléronse 15 proxectos dos 69 que achegaron a súa candidatura.

O xurado, composto polos presidentes das delegacións e outros membros das mesmas, pasou seis horas analizando as propostas para decidir cales son máis destacadas para o sector no país. Até que só quedaron 15 obras, 13 situadas na demarcación viguesa e dous na ourensá.

Os diplomas quedarán para ser entregados cando a situación de emerxencia sanitaria mellore, polo que non se facilitou unha data concreta.

Diversidade de criterios

As e os expertos revisaron os 69 proxectos, dos que unha ducia decorreron na área de Ourense, 10 na de Pontevedra e o resto na de Vigo. Por iso, as escalas, as localizacións e a envergadura das iniciativas é moi diversa e interesante.

Por exemplo, resultaron galardonadas unha vivenda unifamiliar circular en Cangas “pola súa aparente sinxeleza” e a rehabilitación dun edificio no casco histórico de Vigo pola súa adaptación sen ocupar máis espazo.

Tamén foi merecedora dun premio a obra de acondicionamento dos espazos públicos da explanada do horizonte, no Rosal, unha solución de “rexeneración do ecosistema” achegada por María Fandiño.

Igualmente houbo unanimidade de aplausos para a modificación e recuperación do convento de San Francisco de Ourense para empregar como Arquivo Histórico Provincial.

Segundo o xurado Xosé Manuel Casabella López e José Luis Martínez Raído fixeron un esforzo nunha intervención sutil “que ceda o protagonismo ao patrimonio existente”.

“Todas as obras que foron candidatas aportan ese gran de area á arquitectura, e sobre todo á sociedade, e máis na situación na que nos atopamos na actualidade marcada pola pandemia”, destacaron hoxe fontes do COAG.

Para chegar a estas conclusións tivéronse en conta criterios variados como a tipoloxía da edificación, a innovación tecnolóxica do proxecto, o seu acomodo ao entorno ou o custo de construción.

Os recoñecementos Gran de Area naceron hai xa 19 anos co obxectivo de “contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posíbel, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina” na Galiza.


 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

As arquitectas galegas elixen as maiores aportacións á profesión neste 2020
comentarios