Festival dos Eidos

Poesía, arte e natureza no Courel

Público asistente a unha lectura nunha edición anterior do Festival dos Eidos. (Foto; Tamara de la Fuente)
Esta fin de semana decorre a sétima edición do Festival dos Eidos, un singular encontro que combina poesía, música, arte, patrimonio e natureza arredor da casa do poeta Uxío Novoneyra. Este ano, a memoria do incendio que calcinou once mil hectáreas na zona estará presente.

Música, fotografía, cinema, natureza, patrimonio e, sobre todo, poesía, moita poesía. O Festival dos Eidos celebra a súa sétima edición entre o 26 e o 28 de agosto en Parada do Courel, na casa natal de Uxío Novoneyra, sede da fundación que vela polo seu legado.

Non é habitual que un festival que se celebra no rural consiga tanto prestixio como o que acadou o Eidos Fest, que foi premiado polo público do Culturgal no ano 2019 e que se fixo acredor do premio ao mellor festival non musical dos Iberian Festival Awards en 2020. Este ano, case obrigatoriamente, o encontro pousa a súa mirada sobre o drama do incendio que asolou a comarca no mes de xullo, deixando máis de once mil hectáreas calcinadas. 

"Nós xa tiñamos o programa fechado cando comezaron os incendios", explica Branca Novoneyra, directora do festival, en conversa con Nós Diario. "Non se lembra un incendio deste tamaño na zona e non podiamos obvialo. O que fixemos, daquela, foi programar, o día da inauguración, unha exposición no Soto da Rubial coa serie de fotografías que fixo, hai trinta anos, Federico Garcia-Cabezón. Daquela houbo un incendio, tamén no Courel baixo, no que se queimaran moitos castiñeiros. García-Cabezón, que era un fotógrafo que exercía de médico aquí, documentou aqueles castiñeiros queimados e expuxo as fotografías na galería Sargadelos de Santiago. Trinta anos despois, as preguntas e as necesidades da serra do Couel seguen sendo as mesmas".  

Poesía en voz alta

O Eidos Fest organiza, cada ano, unha lectura de poemas de Carlos Oroza, amigo persoal de Uxío Novoneyra que habitou a casa do poeta na década de 1970. 

"Oroza é un poeta moi ligado á poesía oral, ao recitado, e por iso todos os anos celebramos a súa figura con charlas sobre a súa obra e lecturas que gravamos para a Asociación de Amigos de Oroza que existe en Vigo. Este ano, será Nacho Fernández quen se faga cargo da lectura. Trátase de repensar e de reler a obra de Oroza, de igual xeito que revisamos cada ano a obra de Uxío Novoneyra", declara a directora do festival. 

Mais a poesía ten o seu acto central o sábado 27, con Manuel Rivas; Lupe Gómez, Pura Tejelo, Jose Luís Gallero e Joseba Sarrionandía como invitados. "Todos os anos tratamos de elaborar un programa que estea ligado á poesía de Uxío Novoneyra e á súa forma de entender a palabra e a poesía", aclara Branca Novoneyra. "No caso de Lupe Gómez, por exemplo, Uxío presentoulle o seu primeiro volume de poemas, Pornografía, a mediados dos noventa. Gallero é un gran divulgador da poesía de Novoneyra en todo o Estado. E de Sarrionandía, que vou dicir? A conexión de Uxío Novoneyra coa poesía vasca era moi forte e a presenza de Sarrionandía no festival responde a un desexo que temos de traer autores e autoras que non verías en escenarios institucionais". 

Pura Tejelo é, talvez, a menos coñecida do cartel, mais "era unha persoa moi ligada a esta casa. Sempre tratamos de que haxa algunha figura vencellada ao Courel entre as persoas que len os seus poemas". 

No caso de Manuel Rivas, comparte unha visión do poeta do Courel que encaixa coa idea que os organizadores do festival queren difundir. "Hai persoas que veñen unha vez ao festival como protagonistas e despois seguen fieis a el como espectadoras, ou ao revés. Rivas é unha desas persoas que están ano tras ano nun lugar ou noutro". 

Outra desas persoas que sempre recunca no festival é Xico de Cariño, que porá música ao festival xunto con outras propostas mais experimentais -como as de Clo Plas, Enxeito ou The Rimbaud Company-, máis veteranas -Radio Océano-, ou máis ligadas ao mundo lusófono -como o angolano Alberto Mvundi. Aínda que no plano musical, a actuación máis esperada será a de Ruper Ordorika ás 12:30 do sábado 27. 

Cambio social

O festival tamén toca outros xéneros como a poesía escénica de Nieves Neira ou a proxección do documental sobre Xela Arias Os espazos en branco. Mais o encontro tamén é un lugar de dinamización que inclúe actividades  de formación veciñal en laboratorios cidadáns. "Contamos coa presenza de Marcos García, de MediaLab, que traballa en proxectos de intervención en políticas públicas, desde a participación cidadá até a autoxestión. Esa ollada sobre procesos de cambio forma parte do festival e xustifica a presenza, por exemplo, da creadora brasileira Cinthia Mendonça, da organización de produción artística cidadá Silo, que dirixirá un obradoiro sobre integración da veciñanza nos centros culturais".