Peter Punk: "Foron o pallaso e o circo os que me escolleron a min, non ao revés"

Peter Punk Pallaso, etiqueta artística de Isaac Rodríguez (Vigo, 1979), é o nome dun dos pallasos galegos máis soados nas últimas décadas do panorama cirqueiro do país. Licenciado en Educación Infantil e cunha extensa carreira como malabarista, pallaso e animador, é o actual director da Asociación de Profesionais de Circo da Galiza. Así mesmo, é fiel colaborador de iniciativas interxeracionais como Os Sete Magníficos Máis Un ou o espectáculo musical Xabaxira, sempre sen deixar de lado os seus espectáculos de clown individuais que o levan a recorrer todo o país para adornar as prazas de chistes, shows e moito entretemento.

Peter Punk Pallaso. (Foto: Cedida)
Peter Punk Pallaso. (Foto: Cedida)

—Quen é Peter Punk e como nace este alter ego artístico?
Peter Punk é esencialmente un pallaso, concretamente un pallaso da rúa, por tanto ten tamén bastante de bufón, polo de ser provocador e contestatario, mentres que o pallaso tende a buscar unicamente o amor do público. Peter Punk ten un pouco desas dúas partes. Poderiamos dicir que o pallaso vén da idea de Peter Pan, dese neno que non quere medrar, que xoga, que chama a atención e que busca o amor do público; logo está combinado co termo Punk, que sería máis o relacionado co bufón e a parte provocadora e burlona. Mais todo está sempre desde a postura do xogo e a ficción.

En canto ao nome da personaxe, nace un pouco do feito de que eu sempre fun o charlatán da clase, o que chamaba a atención, o que facía os chistes, sentaba na última fila e só se comprometía co que realmente lle interesaba. Logo no instituto xa comecei a facer malabares, teatro etc. Como andaba cunha crista unha amiga díxome un día que era “Peter Punk” e quedei co nome no recordo porque respondía bastante á miña filosofía e, pouco despois, á do meu o pallaso. Igualmente, tamén estabamos na época do Nunca Máis, polo que fixen o paradoxo co "País de Nunca Xamais de Peter Pan".

Peter Punk móvese nun contexto de espectáculo de circo, sería a súa escusa para estar en escena e facer rir, emocionar ou provocar sorpresa. Sobre a miña incorporación no mundo do circo, eu achegueime co FestiClown en Pontevedra, onde me formei con moitos mestres recoñecidos que remataron por ter unha influencia asombrosa en min.

—E cales son algunhas desas influencias artísticas ou persoais que houbo na creación deste personaxe?
Principalmente eu diría que a de Joango Edwards, que diriamos que era un neno dentro dun señor que representaba o clown cen por cen libre ao xogar as 24 horas do día. Logo tamén estaría Leo Bassi, que de por si xa é un bufón, mais a miña admiración vén dada fundamentalmente polo seu enorme compromiso social, que mesmo o fixo ser ameazado e censurado nun tempo co seu espectáculo La revelación ante a acusación de Conde Roa de “provocar unha profunda repugnancia”. Admiro a Leo Bassi pola súa grandeza de falar da realidade e de loitar a través da palabra, porque, como alguén dixo algunha vez, “os artistas que non falan da realidade non fan realmente arte”, e Bassi sempre está actualizándose e comprometéndose coa súa ideoloxía política.

Tamén podería mencionar a Chacovachi por definirse á perfección como un auténtico pallaso da rúa, xa que eu de aí mamei moito ao ser consciente desde ben pequeno que eu quería facer algo así: ser da rúa e representar á mesma.

[Podes ler a entrevista íntegra a Peter Punk no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 19 de xullo. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal

Comentarios