Pepe Barro brinda ao público o seu arquivo persoal após medio século de deseño gráfico
Un cobertor de la, tecido co nome do seu bisavó, Nicolás Barro, abre a mostra coa que o deseñador Pepe Barro dá a coñecer o seu legado artístico, cedido á Fundación DIDAC. A manta, unha peza de cama moi grande, "probabelmente de finais do século XIX", está pregada de tal forma que a primeira imaxe que recibe o público nada máis entrar no espazo expositivo é o nome da familia. Ese 'Barro', fiado en la, goza de todo o afecto do deseñador, cuxo impacto no recoñecemento das formas visuais propias da cultura galega "é indubidábel", sostén a fundación, desde os seus inicios como creador nos anos 70 até a actualidade.
O Arquivo Pepe Barro fai parte desde o ano 2024 do Arquivo DIDAC, unha iniciativa que, no seu conxunto, busca documentar un século de creación, deseño e cultura visual na Galiza, con referencias e documentación textual, fotográfica e audiovisual accesíbel en liña a través do portal web da entidade. O Arquivo Pepe Barro, aínda por completar, asegura o seu autor, constrúese a partir do depósito do legado do deseñador na Fundación DIDAC, que asume a súa custodia, conservación e catalogación para garantir o seu acceso a investigadores, deseñadores, artistas e público en xeral.
Medio século de deseño
O arquivo está conformado por debuxos orixinais, cadernos de traballo, manuais de identidades corporativas, aplicacións gráficas en múltiples formatos, pezas multimedia, pósters, exemplares de deseño editorial, proxectos museográficos, ilustracións, cabeceiras e traballos para medios de prensa, gravados e pranchas, pezas de carácter artístico e experimental, así como material de arquivo persoal do deseñador que inclúe textos, reflexións, fotografías e mesmo proxectos non realizados.
"Todo o que conservei, todo o que non podreceu polo camiño, todo o que non se perdeu fica aí" para a súa consulta pública, explica Pepe Barro a Nós Diario. As pezas máis antigas datan dos primeiros anos 70, cando Barro iniciou a súa traxectoria. Algunhas das máis relevantes pódense ver na exposición que esta sexta feira se inaugurou na DIDAC, O arquivo de Barro, un percorrido abreviado e moi particular polas distintas etapas profesionais polas que pasou. "Eu empecei a traballar só. A primeira encomenda profesional que tiven foi A Nosa Terra, no ano 77, no que fixen o proxecto gráfico do semanario". Despois xurdiría BC&D, "Barros, Campos e Díaz, que durou escasamente un ano, no 84". En 1986 crease Grupo Revisión Deseño, un estudio de deseño gráfico paradigmático dos 80 e 90 na Galiza, co que traballou até 2013, "con distintos socios, en principio con Xosé Díaz, Xosé Salgado e Lia Santana, e logo xa con Xosé Salgado e Lia Santana".
A partir de entón, Barro emprendeu en solitario a fase definitiva da súa carreira profesional. Coa firma Barro Deseño chegou a 2023, ano en que celebrou 50 anos de deseño gráfico, "sempre cunha intención de utilizar a linguaxe internacional do deseño aplicada ás diversas encomendas que foron xurdindo aquí no noso país". Superado o medio século de traballo e paixón polas formas e polas artes do deseño, Barro estrea unha nova antoloxía do seu traballo, clave na construción da historia do deseño galego.
A mostra exhibe "símbolos gráficos de identidade corporativa e varios manuais orixinais de identidade corporativa, como o da Universidade da Coruña, o de Turgalicia, o do Consello da Cultura Galega ou o de La Voz de Galicia como empresa. Tamén hai produtos como a caixa de Pazo de Vilane, dos ovos de galiñas criadas en liberdade; por suposto hai moitos libros, pezas de xornalismo como o Diario de Galicia, a propia A Nosa Terra, Nós Diario e o semanario Sermos Galiza, ademais doutras moitas máis pezas de todo tipo que foron conformando o traballo que eu fixen ou do que participei".
Galeguidade
De entre todas as pezas seleccionadas para O arquivo de Barro, unha das máis queridas polo deseñador é a camiseta da selección galega. "Todas as cousas do fútbol teñen unha carga emotiva importante e esta camiseta tivo moita repercusión. Malia que a selección non xogue ou non exista, a camiseta séguese vendo en moitos eventos e manifestacións públicas onde a xente gosta dela, facendo evidente a súa galeguidade".
Canda a este deseño, Barro destaca outro traballo de "especial valor", cinco cartaces con texto e imaxe do ano 73, gravados en linóleo para un conto de Darío Xohán Cabana. "Daquela fixéranse miles de exemplares de cada para vender baixo corda, porque aínda vivía Franco e a narración estaba publicada oficialmente, pero as imaxes que eu fixen parecía aconsellábel que fosen anónimas, e así se fixeron", lembra.
Cada peza exhibida na mostra comisariada por Mónica Maneiro Jurjo, Gemma Mora e María Valcárcel agocha unha mensaxe. Pero trátase dunha "mensaxe caducada", porque se fixeron para un evento particular nun momento concreto. "A min gustaríame que a xente que se achegue a vela se pregunte, de forma intuitiva, por que se fixo esa peza, como se fixo e con que sentido", convida o deseñador. "A retórica poética que ten a concepción de cada unha das obras escollidas é o que lle vai transmitir interese ao público", sentencia Barro.
"Encontros entre amigos" para percorrer a obra de Barro
Até o 24 de abril a Fundación DIDAC acolle a exposición O arquivo de Barro, unha pequena escolma de todo o traballo gráfico e visual que o deseñador Pepe Barro desenvolveu ao longo da súa carreira profesional, marcada por unha constante evolución e por unha dobre busca: a da súa identidade propia como deseñador e a dunha identidade gráfica para Galiza. Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Ministerio de Cultura español no marco do proxecto de custodia e catalogación do Arquivo Pepe Barro, depositado na DIDAC, completarase coa edición dun libro e nas próximas semanas, tamén, con varios encontros abertos ao público. O primeiro terá lugar o 22 de xaneiro ás 19 horas na sede da fundación e será "un encontro entre amigos", onde Barro e Suso de Toro proxectarán e comentarán as capas que o deseñador realizou para varios libros do escritor.
Despois desta programaranse outras charlas, "con Anxo Angueira, con Xosé Luís Axeitos, unha máis con Marcos Dopico e outra que para min ten especial valor, que vai ser un encontro con tres clientes meus: Nuria Varela Portas, empresaria de Pazo de Vilane; Xosé Ramón Durán, CEO da adega Terra de Asorei, produtora de viños albariños, e Ángel Viña, CEO de Denodo, un dos líderes mundiais en Big Data".

