Sete voces reflexionan sobre as ansiedades e oportunidades que trouxo o coronavirus

Pensar a pandemia da Covid-19

A editorial Catroventos publica Setenta ideas para a (pos)pandemia, un mapa para guiarse polas contradicións que a pandemia sementa nunha sociedade enfrontada a unha situación inédita. Globalización, sustentabilidade, capitalismo... son termos que adquiren agora novos significados e que hai que repensar á luz do novo contexto.

O filósofo Francisco Sampedro, un dos autores que participan no volume.
photo_camera O filósofo Francisco Sampedro, un dos autores que participan no volume. (Foto: Nós Diario)

Se cadra, é demasiado pronto para falar de pospandemia, por iso os editores prefiren falar de (pos)pandemia, alertando con esa paréntese de que aínda queda moito para chegar a conclusións terminantes, de que o debate non fixo máis que empezar. Setenta ideas para a (pos)pandemia reúne sete voces que resumen algunhas das cuestións máis problemáticas que a irrupción da Covid-19 fixo abrollar. Manuel Fernández Blanco, María Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro e Iolanda Teixeiro enfocan desde perspectivas complementarias todo ese aluvión de novas realidades que o virus nos obrigou a asimilar: teletraballo, confinamento, illamento social… Conceptos que conteñen máis novidade da que realmente amosan a primeira vista e que, sen dúbida, terán unhas consecuencias que agora só albiscamos, mais que xa están a mudar a nosa sociedade

O libro configúrase como un decálogo de reflexións que os autores e autoras traen a primeiro plano de entre as moitas cousas que aconteceron desde que se declarou a pandemia. A idea non é outra que propiciar unha consideración dos cambios sufridos por un mundo que xa está a desaparecer sen que teñamos demasiadas seguridades sobre como será a sociedade que emerxerá desta crise, como será esa “nova normalidade” que non acaba de ser norma nin normal.

Novos discursos, vellas realidades

Malia que os enfoques das persoas que participan no volume son moi diferentes, a idea de cambio sen precedentes paira sobre os escritos de todas elas. E existe en todos eles unha ambigüidade fundamental ante a crise: a pandemia deixa en evidencia as debilidades do sistema no que nos movemos e iso, por unha banda, proporciona argumentos para rectificar, para mudar o rumbo e corrixir as eivas que nos fan máis vulnerábeis ante acontecementos deste tipo; mais, pola outra, non se pode evitar a sospeita de que os cambios operarán a favor dun sistema que só ten en conta o beneficio económico, de que a cidadanía permanecerá á marxe das supostas “melloras” que se implementarán a partir deste momento.

A ese respecto, resulta iluminador ler agora –á luz do que está a suceder coa repartición dos fondos europeos– a idea que expón Fernando Ramallo sobre o novo suxeito político xerado pola crise: “Nada fai pensar que sexa un suxeito emancipador, senón, máis ben, un 'intérprete' desde as lóxicas do poder […] dinámico coas reclamacións sociais e colectivas, mais sen superar os límites da aceptación do capital. En consecuencia, un oportunista reprodutivo que mobilizará aparentes novas narrativas, pero sempre acorde coa orde estabelecida”. Non hai máis que botar unha ollada aos proxectos de “enerxía limpa” que se pretenden fixar ao longo de todo o noso territorio –esnaquizando o pouco que queda de riqueza biolóxica e paisaxística– en nome dunha suposta “transición ecolóxica” para decatarse de por onde reaccionará o capital ante as novas reivindicacións sociais.

Vérmonos e pensármonos

O fetichismo tecnolóxico que padecemos desde hai tempo exacerbouse co confinamento: hai poucas dúbidas de que, en poucos meses, a presenza da tecnoloxía na vida da cidadanía avanzou o equivalente a varios anos de desenvolvemento “normal”. Mais este salto no coñecemento levouse a cabo dun modo anómalo que María Pilar García Negro resume moi ben nun epígrafe: "incomunicación con hiperconexión". A ruptura de fronteiras entre o privado e o público, do que fala a autora condúcenos a un mundo no que a tan eloxiada revolución ideolóxica non serve para liberar o ser humano de esforzos, senón para aumentar a dedicación laboral de traballadoras e traballadores en beneficio do capital.

Dando un paso máis alá, Manuel Fernández Blanco advirte dunha sociedade na que “cada vez se valorará máis a realidade virtual como a única segura”. Esta deriva cara á falta de empatía co “outro” favorece o que o filósofo Francisco Sampedro describe como unha “aceleración escabrosa no proceso capitalista de segregación individual e descomposición da esfera pública na sociedade civil”.

Mais tamén existe outra cara desta realidade: agora quedou exposta a impotencia do poder ante circunstancias deste tipo, apunta Francisco Sampedro. Manuel Outeiriño sinala certeiramente que a crise derivada da pandemia desmentiu a idea de que “como non hai límites para o coñecemento, tampouco hai límites para o avance do poder ou da riqueza”. E María Xesús Nogueira indica que “a oportunidade de vérmonos e pensármonos foi talvez un dos achados máis inagardados deste tempo”. Setenta ideas para a (pos)pandemia configúrase como unha plataforma de lanzamento desa reflexión que, talvez, poida algo desa realidade opresiva na que nos movemos.

Comentarios