Xornadas de análise no Consello da Cultura

A Covid-19 e a participación da cidadanía na vida cultural

O Consello da Cultura arrinca a xornada Participación e públicos culturais en tempos de Covid-19, da que se publicarán relatorios en liña e sobre os que se debaterá na próxima quinta feira.
teatro_EuropaPress
photo_camera Imaxe de arquivo dunha gala no Teatro Rosalía da Coruña. (Foto: Europa Press)

O Consello da Cultura Galega (CCG) analiza desde mañá como afectou a Covid-19 á participación e aos hábitos culturais da cidadanía. Unha xornada titulada Participación e públicos culturais en tempos da Covid-19 que arrinca coa publicación, no sitio web do CCG, dos relatorios Análise de datos culturais sobre os que  se debaterá na quinta feira.

O coordinador do Observatorio da Cultura Galega (OCG), Håkan Casares pronunciará a primeira conferencia, arredor da Influencia da Covid-19 nos hábitos culturais da poboación galega. Un informe resultado unha enquisa levada a cabo no mes de outubro de 2020, na que foi a segunda vaga, no que que se abordan as consecuencias das medidas restritivas en canto ao consumo e ao gasto.

O segundo relatorio é o que corre a cargo de Nicolàs Barbieri, do Observatorio de Datos Culturais de Barcelona, do Instituto de Cultura dese concello.

Baixo o título Enquisa de participación e necesidades culturais de Barcelona, Barbieri explica o resultado dun estudo que pretendía medir as desigualdades na participación, nas necesidades da cidadanía e, sobre todo, interpretar a diversidade de prácticas culturais individuais e colectivas "que non sempre consideramos como tales".

A partir deses vídeos, na quinta fiera ás 17 horas poderá seguirse en directo o debate entre Håkan Casares, por parte do OCG, e Assumpta Manils e Montserrat Tort, do Observatorio de Datos Culturais de Barcelona.

Ás 19 horas, tamén en directo na web, haberá outro debate co título Impacto da pandemia na participación cultural en Galicia. Sergio Lago será o encargado de moderar esta conversa na que participarán Jaime Capilla, xestor e mediador cultural no Museo de Belas Artes da Coruña; Ángeles Miguélez, encargada de auxiliares de sala na Rede Museística de Lugo; e Elena Pernas, subdirectora adxunta da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

A xornada é a terceira sesión do ciclo Xornadas de mediación cultural, da que se celebraron dous encontros en 2019, quere trazar unha panorámica para o debate sobre as disciplinas académicas e profesionais centradas en facilitar o acceso á cultura e tamén as que buscan propiciar a participación da poboación no feito creativo. 

Comentarios