Pedro Pires, ex presidente de Cabo Verde, protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, falamos da segunda longametraxe de Fon Cortizo, '9 fugas'.
O ex primeiro ministro de Cabo Verde Pedro Pires é o entrevistado desta semana no 'Sermos Galiza'.
photo_camera O ex primeiro ministro de Cabo Verde Pedro Pires é o entrevistado desta semana no 'Sermos Galiza'.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que protagoniza a entrevista de Iago Suárez ao ex presidente de Cabo Verde Pedro Pires (1975-1991), unha das figuras chave no proceso de descolinización do país.

"É preciso compreendermos e sabermos o que estes movimentos de extrema-direita pretendem conseguir. Por exemplo, Viktor Orbán na Hungria, devemos saber o que ele porpõe como solução aos problemas. Também é preciso fazer uma pergunta: como é que ele consegue nas eleições un resultado acima de 60% dos votos?", apunta Pires.

Análise do filme '9 fugas'

O Sermos deste sábado abre cunha reportaxe de Irene Pin titulada 'Un filme improvisado: A arte de comezar pola música', na que analiza o filme 9 fugas, a segunda longametraxe do director Fon Cortizo.

O papel do director como un máis da formación musical desemboca na inversión do proceso de creación convencional dun filme, onde a banda sonora "é o último do último", apunta o creador. Pola contra, en 9 fugas a música veu primeiro. Trátase dunha obra que nace "do azar e a improvisación", segundo nos comunica un dos intertítulos iniciais.

Que significa "independente" cando falamos da edición?

Por outra parte, Carlos Lema, co gallo do Día do Libro, asina a peza 'Edición independente e economía de achega', na que reflexiona sobre cal é o sentido da palabra "independente" cando se fala da edición, e propón o concepto de "economía de achega" para definir a forma en que opera o pensamento, no que non se compite pola propiedade dos obxectos culturais.

"A oposición entre a esfera do mercado e a esfera da cultura é un asunto presente desde hai moito na literatura, singularmente a través do motivo da prostitución da arte. Á fin do século XIX, a vangarda literaria é a encarnación dos valores intelectuais fronte á corrupción polo diñeiro e os compromisos", argumenta Lema.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belém Tajes e Herminio González, que traen as últimas novidades, e César Morán, cun artigo titulado 'Anacleto músico. Quem impulsa a economia subterrânea?'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Compartimento nº 6, de Juho Kuosmanen, ao tempo que Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha reseña de O porco de pé, da compañía PT Excéntricas.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Un terror de auga fría. Escolma da poesía galega do medo, de Xosé María Álvarez Cáccamo, mentres Susana Sanches Arins analiza o libro infantil Unha misión para Clara, de Marica Campo. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da historia, tradición e natureza de Ribadavia.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios