Pardo-Seoane: dúas décadas de legado epistolar

No centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, o Consello da Cultura Galega reivindica a súa indispensábel figura e legado coa posta en rede do epistolario que durante máis de 20 anos mantivo con Luís Seoane. Intercambios de reflexións entre diversos lugares, a correspondencia destes dous persoeiros achéganos ás inquietudes de dúas personalidades moi diferentes nas que se contrapoñen formas de entender a arte, a nostalxia da terra ou as horas de febleza, nunha amizade que sobreviviu na distancia. 
seoane_d_p_hor

O   galego, como pobo emigrante, tivo que atopar necesariamente na correspondencia un elemento fundamental de comunicación e relación, que hoxe ademais supón un valioso documento para coñecer o pasado, conformado desde as fendas da instrahistoria. Así, coincidindo co centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX, o Consello da Cultura Galega (CCG) publica hoxe un memorial destinado a revisitar e difundir o legado deste intelectual e emprendedor. E faino precisamente apostando na "posta en rede" do epistolario cruzado entre Díaz Pardo e Luís Seoane.

Máis de 300 cartas datadas entre 1957 e 1979 constitúen un testemuño único do período que vai desde o exilio e a emigración da posguerra até o final do franquismo. Os textos ademais recollen con detalle un relato desde dentro da fundación do Laboratorio de Formas, de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside.

O proxecto Epístola

Rosario Álvarez, presidenta do CCG contextualiza a dixitalización destes documentos dentro do proxecto Epístola, que a entidade leva desenvolvendo desde hai tempo, aínda que vería xustamente a luz por primeira vez con Seoane, que continúa a ser un dos protagonistas desta nova actualización. "Pretendemos crear un gran banco de datos construído pouco a pouco", sinala a investigadora.

Este acervo patrimonial presta atención non só ás misivas de grandes e recoñecidos persoeiros, senón que contempla tamén intercambios entre persoas do común, que permiten reconstruír unha crónica da emigración escrita desde abaixo, esa "que non aparece nos libros de Historia", destaca Álvarez. Este inventario non pretende a posesión física dos documentos, senón que busca convenios que permitan a súa dixitalización e transcrición para conformar un arquivo online aberto á cidadanía. Desta maneira, o etiquetado con metadatos constitúe unha das chaves. Data, lugar, autor, destinatario, persoas mencionadas ou temas permiten unha procura moi fonda nos contidos tan ricos que gardan as cartas.

Carácteres distintos

No caso concreto deste epistolario cruzado, contrastan as cartas máis frecuentes de Seoane, ateigadas de reflexións de diversa índole, coas de Díaz Pardo, máis escasas e a miúdo centradas en cuestións e problemáticas concretas. A correspondencia dá conta das inquietudes que os asaltas, das súas aflicións e alegrías, das ilusións e desencantos fronte a fitos fundamentais da súa época, nunha sorte de relato entre o emocional e o histórico que bebe, en certo modo, da esfera do íntimo e da amizade que unía os dous artistas. 

Álvarez destaca a tensión entre a personalidade dun Seoane "máis soñador", con algo de utopismo ou mesmo inxenuidade, e a visión "máis pragmática" de Pardo. "El tiña a idea de que había que vivir da cultura, de converter a arte nun ben cun resultado económico positivo", comenta. Era a súa vontade "pór as bases dunha cultura moderna internacionalizábel e facer un produto cultural que xerase beneficios, un rendemento que, aínda que exportábel, mantivese a raíz na cultura galega de todos os tempos". Así imaxina Sargadelos, que tiña que dar os ingresos oportunos para manter tanto o laboratorio de formas como a editorial. 

Reflexións emigrantes

Xeograficamente, as cartas definen, se temos que estabelecer un fluxo dominante, unha ponte entre a Arxentina, onde Díaz Pardo tiña a Fábrica de Porcelanas Magdalena, e os diferentes lugares nos que Seoane morou ao longo dos anos. De Bos Aires a Suíza, de Nova York a Sada, as misivas trazan un mapa de vidas itinerantes, cun pé ou coa mente no país sempre e outro a percorrer exilios. As reflexións sobre esta itinerancia emigrante son tamén unha constante, que se amplía á propia situación das colectividades galegas en diferentes países. E é que o período histórico coincide cunha importante mudanza nos fluxos migratorios. Logo dos movementos do exilio político como resultado da ditadura, os anos 60 e 70 viron un redireccionamento cara a Europa, con diferentes perfís laborais e perspectivas na procura de fortuna no exterior.

A este respecto, cómpre considerar, segundo lembra Álvarez, que Díaz Pardo era un emigrante económico, aínda que "non ao uso", pero que cruza o charco con motivacións laborais. É por iso que coñece esas dúas principais vertentes migratorias, abarcando tanto esta dimensión como a das exiliadas, un ambiente no que foi ben acollido e frecuentou. 

Por veces agroman as queixas sobre a inacción do Goberno galego ante a problemática da emigración, ou o duro golpe que supón a marcha de persoal traballador da Galiza, e que fai, por exemplo, que Díaz Pardo se cuestione: "Merece a pena reconstruír este descalabro para que logo volva outro inglés e se beneficie del? Merece a pena pensar en Sargadelos con este panorama?".

Prodúcese así un diálogo entre a Galiza europea e a americana no que, por veces, tamén agroma esa saudade partillada por gran parte da comunidade galega no estranxeiro. Seoane escribe en 1964: "un non pode pasar a vida vivindo nun sitio ao que non pertence, como me ocorría a min con Bos Aires, por moito que esta cidade lle dea a un, porque non a sinto. E se continúo nela é por medo, penso, ao futuro e comodidade". 

Frustración e compromiso

Á frustración pola falta de recoñecemento do labor desenvolvido na emigración súmase en ocasións ao cansazo ou ao desánimo desa loita a prol da Galiza que se prolonga tempo de máis. En 1966 láiase Seoane: "Para qué queres que me ocupe de Sargadelos se ti pensa quedar residindo en Magdalena? A min interésame este asunto na medida que ti esteas comprometido con el, se non... creo que renuncio á Galiza. Loitei como puiden por ela desde estudante, hai case 40 anos e non podo máis. Non se pode loitar con muíños de vento".

A unha desas horas fracas contesta Díaz Pardo: "Xa sabemos que non é cómodo vivir sobre esas pedras e sobre estes días, pero porque a sorte nos sexa negativa non é posíbel desentenderse desa realidade [...] e desertar de loitar contra ela". Van de volta os azos que tecen tamén na correspondencia ese fío persoal e afectivo que Álvarez reivindica, unha "relación de amizade e fidelidade entre dúas persoas tan distintas, capaces de mantela durante tantos anos, de deixar de lado todo o que os separaba para, máis alá das súas persoas particulares, traballar por un proxecto de país". Un exemplo de sinerxía e diálogo ao que cómpre volver, porque garda ensinanza neste tempo de comunicación acelerada, máis alá do romanticismo da correspondencia de antano. 

O rancor de Luís Seoane a Celso Emilio Ferreiro

O epistolario cruzado de Díaz Pardo e Seoane dá tamén conta dun fondo interese pola situación política e social do país, mesmo desde a distancia. Un dos temas recorrentes é o da resistencia política e cultural ao franquismo, ou as problemáticas do galeguismo e da resistencia democrática. Nelas, aparecen como é lóxico citadas múltiples personalidades do momento. En agosto de 1966, Díaz Pardo cita as palabras de Celso Emilio Ferreiro ao marchar para Venezuela "Temos que aspirar a que a Galiza, ademais de ser unha terra para nacer e para morrer, sexa tamén unha terra para vivir".

Seoane non agocha a mala opinión que garda do poeta, a raíz dunha visita a Bos Aires, revelando en certo modo o conflito ideolóxico que latexa nas diferentes concepcións da acción política e da súa mudanza xeracional. "O único importante para el foi reunirse cos seus amigos de infancia de Celanova e beber, beber... Parece que en Caracas non hai viño. De todas maneiras hai que defendelo″, escribe. Ao longo de diferentes cartas e foros o creador mantense nunha postura crítica que retrotrae ao comportamento de Ferreiro durante a Guerra Civil, por ter feito versos de gabanza ao bando franquista. 

A estas críticas contestaba en ton conciliador Díaz Pardo, lembrándolle as concesións que moitos galeguistas tiveron que facer para sobrevivir: "Vivir aquí aínda nestes momentos leva inevitabelmente aparelladas claudicacións, cando menos aparentes, das que non se libra ningún fillo de veciño. Non digamos nos momentos eses da Lira bélica en que negarse a facer o que nese sentido che pedían era ofrecer motivos para que fixesen contigo o peor que poidas imaxinar. Eu mesmo con moita dor vinme na obriga de pintar emblemas, símbolos e retratos dos autores e dos fundadores desas liras e asinalos mesmo".

Comentarios