A Xunta presenta alegacións á proposta de financiamento, que deixaría 802 millóns menos que o custe dos servizos públicos básicos

A desigualdade no criterio de poboación axustada para o novo sistema de financiamento motiva a Xunta a presentar alegacións, anuncia Corgos, ao calcular que representa 802 millóns de euros menos do custo actual de sanidade, educación e política social.

O Conselleiro de Facenda da Xunta, Miguel Corgos, coas alegacións. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O Conselleiro de Facenda da Xunta, Miguel Corgos, coas alegacións. (Foto: Xunta da Galiza)

A proposta de financiamento do Estado en base ao criterio de poboación axustada deixa os servizos públicos fundamentais cun infrafinanciamento de 802 millóns de euros, denunciou esta segunda feira o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Estas carencias á hora de cuantificar os custos de sanidade, educación e política social, motivaron a Xunta a presentar alegacións a esta proposta para corrixir estas diverxencias, anunciou o conselleiro nunha rolda de prensa desde Compostela.

Corgos incidiu en que as 50 páxinas de alegacións están dirixidas á proposta “parcial” dun novo sistema de financiamento, por mor de que até o de agora o Ministerio de Facenda apenas se referiu a este criterio.

Neste sentido, solicitou que se convoque o Consello de Política Fiscal e Financeira estatal, o que permitiría comezar canto antes o debate entre territorios, reiterando que “sería interesante” contar cunha perspectiva “global” da proposta do novo sistema, e non só dunha parte del.

Definindo o modelo actual como “insuficiente”, Corgos salientou que o modelo polo que aposta a Xunta é que toda a cidadanía poida ter acceso a uns servizos de calidade máis aló do lugar onde resida.

Alegacións presentadas

As emendas presentadas en contra da proposta do Executivo estatal recollen as achegas tanto das expertas e expertos como dos grupos parlamentarios na comisión de estudo do novo sistema de financiamento, apuntou.

— Sanidade: Cuestiónase pasar de 7 a 20 treitos de poboación cunha redución no peso da ponderación dos habitantes de máis idade con respecto ao modelo actual. A proposta da Xunta é que o peso do gasto sanitario na ponderación sexa do 45%.

— Educación: O Goberno sinala que o número de matrículas no ensino público e concertado cunha ponderación polo custo é a variable máis acaida neste eido, polo que tería que ter un peso do 25%.

— Dependencia: Reclámase reflectir o custo real e xerar novos tramos, e critícase que non se midan políticas de gasto social como as do sector das familias e migracións.

— Dispersión: Solicita que a ponderación desta variábel pase do 0,6% ao 1%, e asegura que o custo da dispersión supera os 500 millóns de euros anuais. Asemade, sostén que ten que continuar a medirse o financiamento con base nas entidades singulares.

Comentarios