Ortigueira, epicentro da música celta: Cinco días de música e tradición para toda a familia

Ortigueira prepárase para vivir unha nova edición do seu Festival Internacional do Mundo Celta, mantendo a esencia de encontro de culturas, tradición e respecto pola contorna natural.

Festival Internacional do Mundo Celta, o pasado ano 2024 en Ortigueira. (Foto: Festival de Ortigueira)
Festival Internacional do Mundo Celta, o pasado ano 2024 en Ortigueira. (Foto: Festival de Ortigueira)

Desde esta cuarta feira até o 13 de xullo, Ortigueira transformarase, un ano máis, no epicentro da música celta, reunindo artistas emblemáticos do panorama folk nacional e internacional xunto con novas promesas e agrupacións tradicionais.

Así, até a madrugada do domingo 13 de xullo, o escenario principal contará cunha vintena de artistas procedentes das distintas Nacións Celtas. A primeira noite abrirase cos vigueses Pelepau, seguidos da histórica banda bretoa Gwendal, que celebra 50 anos enriba dos escenarios, e pechará Xosé Liz co seu novo proxecto Indala. A xornada da quinta feira estará centrada nos novos talentos seleccionados no Concurso Runas 2025, con Darach, Rae, Dalama & Carballido e Xara, para fechar co cuarteto escocés Dallahan.

A sexta feira comezará cun concerto histórico da Escola de Gaitas de Ortigueira, que celebra o seu 50 aniversario. Desde o Canadá, La Bottine Souriante regresará ao festival 16 anos despois co seu único concerto en Europa este ano, e fechará o grupo ferrolán Böj, gañador do Runas 2016. O sábado traerá de volta a bagad bretoa Kevrenn Brest Sant Mark e Milladoiro, que celebran 45 anos como referencia do folk galego. A noite continuará con Alana, gañadores do Runas 2024, a banda anglo-irlandesa Flook, que festexa 30 anos, e David Pasquet 3, cunha mestura de música bretoa e electrónica. O domingo será a quenda para Tiruleque, Breo e o gaiteiro asturiano José Manuel Tejedor.

Para todos os públicos

O festival tamén reforza o seu compromiso co público familiar coa nova Vila Celta, que se estreará no estacionamento público da rúa da Soidade coa colaboración da Escola de Gaitas e do Concello de Ortigueira. Este novo espazo acollerá actuacións como Os Carecos, Entós, Embruxo, Trío Guillon – Radin – Camiña, Pandereteros d’Anguaño, Lidia India e Ansuíña, entre outros.

O Pequefestival medra e trasládase á Biblioteca Pública Municipal, cunha programación pensada para desfrutar en familia. A sexta feira, Magín Blanco presentará A Banda das Apertas, o sábado será a quenda do Teatro Ghazafelhos con Historias para escagarriñarse, e o domingo Mamá Cabra celebrará o seu 25 aniversario cun concerto especial cheo de ritmo.

O Festival na Rúa volverá vestir as rúas de música co Desfile das Nacións Celtas e a participación de bandas galegas, bretoas, asturianas e escocesas, entre as que destacan a Kevrenn Brest Sant Mark, o Grupu Folclóricu Prau Llerón, a Banda de Gaitas Xarabal, Murga Coelerni ou Os enxebres de San Lázaro.

O Teatro da Beneficencia será escenario do Festival no Teatro, con Raskal, Hugo Franco e Marc Xarau, e Carmela, un proxecto que combina tradición oral galega con percusión contemporánea. Tamén haberá obradoiros de baile galego e asturiano, de violín e de corda pulsada no IES de Ortigueira.

Compromiso co medio natural

Por outra banda, o Concello de Ortigueira reforza o dispositivo de seguridade e control medioambiental na área de descanso de Morouzos, situada nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. O acceso estará restrinxido a vehículos autorizados e prohibirase instalarse en zonas sensíbeis como piñeirais ou cordóns dunares. Tamén se prohibirá a introdución de materiais perigosos como xeradores ou bombonas de gas, cun sistema de vixilancia específico e sancións de entre 500 e 3.000 euros para quen non respecte a normativa.

Ortigueira prepárase así para vivir unha nova edición do seu Festival Internacional do Mundo Celta, mantendo a esencia de encontro de culturas, tradición e respecto pola contorna natural.

Comentarios