La Bottine Souriante retorna a Ortigueira após 16 anos de ausencia
A sexta feira de 11 de xullo a famosa banda quebequesa volverá subir ao escenario do Festival Internacional do Mundo Celta.
Os fieis do Festival Internacional do Mundo Celta non esqueceron aínda aquela irrepetíbel actuación de La Bottine Souriante hai 16 anos en Ortigueira, onde o público reclamaba a banda quebequesa que non baixara do escenario.
As lembranzas daquel concerto chegaron até hoxe e moitas das persoas que se incorporaron ao festival após aquela actuación ouviron falar da mesma até converterse nunha referencia case mítica do gran encontro da música celta na Galiza.
Un concerto para non perder
La Bottine Souriante ofrece a sexta feira de 11 de xullo o seu único concerto en Europa de 2025 en Ortigueira, nun espectáculo que os organizadores do festival consideran que ficará por moitos anos como unha referencia.
A banda quebequesa de música tradicional foi fundada en 1976, tendo editados desde aquela 13 discos orixinais, catro deles de ouro e tres de platino, vendendo máis de 750.000 copias.
La Bottine Souriante está considerado pola crítica como un grupo de culto, que sen perder as súas raíces e manténdose fiel a súa herdanza cultural, non renuncia a incorporar influencias doutras músicas.
Un símbolo da identidade nacional do Quebec
O grupo é un símbolo de compromiso coa cultura e coa identidade nacional do Quebec, que emprega como lingua dos seus temas o francés. Neste sentido, a banda está considerada como un autentico fenómeno social no seu país.