A Orquestra de Jazz de Galicia preséntase en Imaxina Sons

A cantora lisboeta Maria João abre a undécima edición Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons que se desenvolverá do 26 de xuño ao 4 de xullo. Serán nove intensos días de jazz nos que tamén se presentará a Orquestra de Jazz de Galicia. 

orquestra
photo_camera orquestra

Nove días de música cun intenso programa no que se darán cita en Vigo figuras consagradas canda os nomes emerxentes do jazz. A cantante portuguesa Maria João abre a undécima edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons no que participará o grupo rock de Marc Ribot, Ceramic Dog ademais da estrea da Orquestra de Jazz de Galicia como algúns dos momentos máis agardados do programa. 

Coa dirección artística de Nani García e promovido polo concello de Vigo, o festival ofrece nove días de concertos, boa parte deles gratuítos e algúns de pagamento, os que se desenvolven no Marco e no Auditorio Municipal que saen a 3 e 5 euros a entrada. O programa inclúe tamén os obradoiros da Academia de Sons, para os que o 22 de xuño se abre o prazo de inscrición. 

Marc Ribot con Ceramic Dog

Carlos López Quinteto co proxecto “Letters From København”, Miguel Lamas Cuarteto, Duology de Marcos Pin e Telmo Fernández  son os protagonistas da interesante presenza da música galega no festival, que terá como un dos momentos máis agardados a estrea da Orquestra de Jazz de Galicia coa presentación do seu primeiro disco. 

Por vez primeira chega ao Imaxinan Sons o compositor e guitarrista americano Marc Ribot que ofrecerá un concerto o día 3 de xullo co seu grupo de rock Ceramic Dog. Considerado unha referencia mundial no jazz, Ribot é colaborador habitual de John Zorn e o seu primeiro disco de estudio foi Rain Dogs de Tom Waits. 

O proxecto Ogre, no que a portuguesa María João experimenta coa electrónica e o jazz é a potente oferta para a apertura dun festival que conta tamén coa actuación do saxofonista e compositor suízo Ohad Talmor que este mesmo ano foi recoñecido como compositor europeo de jazz do ano pola European Broadcasting Union.

Os concertos de L.A.R. Legido, Gil Dionisio e Eli Gras ademais da Academia de Sons con cinco obradoiros en horario de mañá terán o MARCO como escenario da aposta máis arriscada do Festival. O jazz que se está a producir en Vigo sentirase en rúas e terrazas no espazo “Jazz fóra de lugar” que homenaxeará aos críticos Javier de Cambra e Juan Claudio Cifuentes "Cifu", vinculados ao festival e recentemente falecidos. 

PROGRAMA  DE CONCERTOS IMAXINA SONS 2015

VENRES 26 DE XUÑO
Concerto de apertura
21:00 h. Maria João. "Ogre". Auditorio Municipal do Concello de Vigo

Maria Joao

SÁBADO 27 DE XUÑO
13:00 h. Jazz fóra de lugar. Detrás do MARCO
21:00 h. Carlos López Quintet. "Letters from København". Auditorio Municipal do Concello de Vigo

DOMINGO 28 DE XUÑO
13:00 h. Jazz fóra de lugar. Praciña de Joaquín Yáñez

LUNS 29 DE XUÑO
11:00 h. Academia de Sons. MARCO
20:30 h. L.A.R. Legido. Salón de actos do MARCO

MARTES 30  DE XUÑO
11:00 h. Academia de Sons. MARCO
20:30 h. Gil Dionísio. Salón de actos do MARCO

MÉRCORES 1 DE XULLO
11:00 h. Academia de Sons. MARCO
20:30 h. Eli Gras. Salón de actos do MARCO

XOVES 2 DE XULLO
11:00 h. Academia de Sons. MARCO
21:00. Ohad Tamor Trio. Auditorio Municipal do Concello de Vigo
23:00 h. Miguel Lamas Cuarteto. Rúa Londres

VENRES 3 DE XULLO
11:00 h. Academia de Sons. MARCO
21:00 h. Marc Ribot. Auditorio Municipal do Concello de Vigo
23:00 h. Chupanconcha. Rúa Londres

SÁBADO 4 DE XULLO
12:00 h. Acto homenaxe a Javier de Cambra e Juan Claudio Cifuentes. Galería Javier Teniente (Rúa Abeleira Menéndez, 13)
13:00 h. Jazz fóra de lugar. Galería Javier Teniente (Rúa Abeleira Menéndez, 13)
21:00 h. Orquestra Galega de Jazz. Auditorio Municipal do Concello de Vigo
23:00 h Telmo Fernández e Marcos Pin. "Duology". Rúa Londres
00:30 h. Jazz na noite. Alvaro Vieito 4. Contrabajo (Rúa Venezuela, 82)

Comentarios