Pero onde van na Galiza os burros o 1 de abril?

Portugal, o Reino Unido, Francia, Alemaña... son varios os Estados que celebran o día das brincadeiras o 1 de abril. Na Galiza tamén existe a tradición. Eis o refrán “O 1 de abril van os burros onde non deben de ir".

'O día 1 de abril van os burros a onde non deben ir', reza a fraseoloxía galega (Foto: quendadetarde.blogspot.com)
photo_camera 'O día 1 de abril van os burros a onde non deben ir', reza a fraseoloxía galega (Foto: quendadetarde.blogspot.com)

Máis de 20 Estados e países celebran 1 de abril o seu día das brincadeiras e de xogar a enganos. No español ten a súa propia xornada, o 28 de decembro, Día dos Inocentes, ao igual que parte de América Latina, mais na Galiza o refraneiro popular pon de manifesto que o 1 de abril é o día propio: “O 1 de abril van os burros a onde non deben ir”. En Menorca tamén se celebra o Día d’enganar.

En Historia de Galiza, Ramón Otero Pedraio xa sinalaba 1 de abril como o día das brincadeiras e das trampas e recollía unha tradición que, malia esmorecer nas últimas décadas, aínda se mantén. Consiste en enganar, pero como entretemento, sen ánimo de crear malestar aos demais. Antes, incluso os medios de comunicación participaban, lanzando novas falsas. Outra broma típica deste día era a de colarlle papeis ao lombo aos demais sen que se desen conta, nalgúns países o habitual era un peixe, na Galiza hai a tradición de colgar o burro ao lombo.

Hipóteses sobre a orixe

De onde vén a tradición? Hai moitas hipóteses, mais ningunha confirmada. Unha delas, a máis popular, é a que comenta o antropólogo Rafael Quintía: no século XVI en Francia o ano novo comezaba nesa época, as celebracións ían do 25 de marzo ao 1 abril. Despois, o rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que fixaba que o Aninovo caía a partir dese momento no 1 de xaneiro.

Daquela a información circulaba máis a modo, polo que moitos seguirían a celebrar o 1 de abril e non o 1 de xaneiro. Había quen lles chamaba "os parvos de abril", de aí o nome que se lle dá a esta data nalgúns países onde se celebra.

Quintía relaciona toda a tradición de troulas co fin de ano: "É lóxico que sempre que hai unha data de carácter liminal vaia asociada a un paquete ritual común”. Explica que o 1 de abril era unha data que supoñía o final dun ciclo e o comezo doutro, neste caso do ano. De aí a tradición de troulas tan típica deste tipo de datas.

No Reino Unido chámase April Fools' Day, en Francia é o Poisson d'avril  e en italia o Pesce d'aprile. En Alemaña, Austria e Suíza a tradición de contar mentiras o 1 de abril lévase até os medios de comunicación, ao igual que acontecía no Estado español co 28 de decembro.

Canadá, Croacia, Eslovaquia, Finlandia, Bélxica, Valonia, Xapón, Líbano, Os Países Baixos, Flandes, Dinamarca, Portugal, Brasil, Porto Rico, os EUA, Australia, Romanía e Suecia son outros dos países onde se conmemora o 1 de abril como día das brincadeiras.

Comentarios