Unha obra homenaxea as facianas docente, científica e activista de Manuel Colmeiro y Penido

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu a presentación do volume dedicado ao Científico Galego do Ano 2023.
Busto de Manuel Colmeiro y Penido.
photo_camera Busto de Manuel Colmeiro y Penido.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concluía esta quinta feira os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”, coa presentación do libro Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista, coeditado pola RAGC e o Consello da Cultura Galega. No acto, que tivo lugar na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, estiveron o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o decano da facultade, Xoán Ramón Doldán. No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron os autores do libro e colocouse unha placa na súa memoria. 

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 - Madrid, 1894) foi un dos mellores expertos do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Na Real Sociedade Económica de Santiago formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o estabelecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.

Foi o primeiro economista que avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. 

Anhelaba un modelo de sociedade con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “facer o benestar tan xeral como fose posíbel”. Así, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, o estabelecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.

Foi deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas dende 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.

Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, destaca na publicación que “Colmeiro foi o primeiro economista galego en concibir o conxunto de medidas que se deberían adoptar para provocar un cambio na 'constitución agraria' e, 'eliminar as causas do bloqueo do crecemento agrario e da economía no seu conxunto'". Así, na súa opinión, na mudanza na estrutura da propiedade e o aumento da produción agraria alimentarían un incremento dos intercambios comerciais e unha expansión das actividades industriais. 

Comentarios