Alba de Gloria

Un novo ascenso ao Pico Sagro para reafirmar a nación galega

Como cada sábado previo ao Día da Patria Galega celebrarase a subida ao Pico Sagro, revivindo o ascenso que Castelao realizou en 1924 xunto outros membros das Irmandades da Fala para coñecer os mitos e toda a historia que este cumio alberga desde tempos inmemorábeis. Após o ascenso realizarase un xantar e visitaranse distintos puntos de Vila de Cruces. A benvida recae este ano na escritora Marta Dacosta cun texto inédito da súa autoría composto para inaugurar esta xornada.

Ascenso ao Pico Sagro [Imaxe: Xan Carlos Garrido]
photo_camera Ascenso ao Pico Sagro [Imaxe: Xan Carlos Garrido]

García Barros e CastelaoUnha nova subida ao Pico Sagro celebrarase o vindeiro sábado 20 de xullo baixo a convocatoria da federación Galiza Cultura, a Asociación Cultural O Galo de Santiago e a AC Vagalumes da Estrada. Conmemórase así o ascenso realizado por Castelao o 19 de xullo de 1924, en plena ditadura de Primo de Rivera, con outros membros das Irmandades da Fala para coñecer os mitos e a historia do pobo galego. Ademais tamén se honrará o discurso épico-lírico "Alba de Gloria" de Castelao, reafirmando con el a vontade de ser e de existir como nación.

O ascenso foi e é na actualidade todo un símbolo do nacionalismo galego

O ascenso foi e é na actualidade todo un símbolo do nacionalismo galego que abre a reivindicación do Día da Patria Galega. Realízase de maneira ininterrompida desde que estas asociacións o puxeron en marcha no ano 2011, con motivo do 125 aniversario de Castelao.

Esta nova edición decorrerá pois o sábado 20 de xullo, arrincando ás 12 horas coa concentración das e dos asistentes no espazo onde até hai uns anos estaba situada a fonte do Pico Sagro, desaparecida hai uns anos. Realizarase aí un recitado de poemas por parte do taller de declamación da Asociación Veciñal e Cultural Agra do Orzán da Coruña. 

Posteriormente será a quenda da escritora Marta Dacosta, quen pronunciará a benvida coa lectura dun texto inédito da súa autoría creado para esta ocasión. Após o recibimento, comezarase xa coa subida do último treito do cumio do Pico Sagro que se coroará co izado da bandeira da Galiza co escudo da serea deseñado por Castelao, e lerase o "Alba de Gloria" a cago de membros das asociacións culturais O Galo, Vagalumes e a Alexandre Bóveda.

Memoria, historia, identidade e reafirmación son os puntos que Dacosta reivindicará no seu texto de benvida

Visitaranse tamén as covas do Pico Sagro nun roteiro guiado pola poeta Iolanda Andrei. Posteriormente celebrarase un xantar no restaurante O Peixeiro, en San Miguel de Castro, e a sobremesa estará amenizada polo grupo Maraxe.

Ás 16.30 horas comezará o roteiro anual para coñecer a comarca do Ulla. Este ano visitarase o concello de Vila de Cruces e Iolanda Andrei guiará a visita polo pequeno mosteiro medieval de Camanzo, cuxas orixes son do século X, mais a maioría do que se conserva é do XII; mantendo porén no seu interior varias pinturas que datan do século XVI. É dos poucos tesouros plásticos conservados na Galiza deste século. Investigadoras da Universidade Complutense de Madrid tamén están estudando o valioso púlpito que conserva o mosteiro. Esta construción relixiosa adoita estar fechada ao público, polo que é unha oportunidade excepcional podelo coñecer.

Desde O Galo afirman en declaracións a este medio que cada ano hai máis xente participando da Galiza e de fóra dela

Finalmente, ás 18.15 horas realizarase unha visita tamén guiada polo poboado mineiro de Fontao, onde moitos traballadores das minas eran presos políticos do franquismo que extraían o volframio. O director do Museo da Minaría do Volframio guiará a visita polo propio museo, o cine (hoxe salón de actos), a escola e a igrexa do poboado. A arquitectura deste poboado data dos anos 50 e é moi novidosa a nivel estatal.

Aquelas persoas que desexen participar deben porse en contacto coa asociación para organizar os desprazamentos en autobuses e partillar coches a través do email [email protected]

Desde O Galo, en declaracións a este medio, afirman que cada ano hai máis xente participando, e indican que chegan de todo os puntos da Galiza e mesmo o ano pasado viu xente sarda e en edicións anteriores desde Catalunya e mesmo de Escocia e Bretaña.

Falarei da necesidade de recoñecérmonos e de querérmonos”, adiantou Dacosta

A escritora Marta Dacosta sinalou a Sermos Galiza a importancia da realización deste acto. “Son moi necesarias todas aquelas conmemoracións que nos reafirman na nosa identidade, e o discurso Alba de Gloria é precisamente unha obra de homenaxe o noso pobo”, afirmou. “Memoria, historia, identidade e reafirmación” son os puntos que Dacosta reivindicará no seu texto de benvida. “Falarei da necesidade de recoñecérmonos e de querérmonos”.

* Na fotografía, de arriba abaixo: Manuel García Barros, fillo maior de García Barros, Castelao, Nodar Magán, Manuel Catedo. Á dereita de Castelao está Otero Abelleira e diante da cova Manuel Sinde. 

Comentarios