35 anos da volta a Galiza dos restos de Castelao

O 28 de xuño de 1984 os restos de Daniel Castelao chegaban a Santiago de Compostela no marco dunha operación política dirixida a lexitimar o réxime autonómico. Mentres o cadaleito do intelectual era conducido a San Domingos de Bonaval custodiado polos herdeiros políticos dos seus represores, os continuadores do seu proxecto político eran golpeados polas forzas da orde no entorno do mosteiro exclaustrado. A batalla evitou finalmente a manipulación do pensamento e da obra do galego máis senlleiro de todo o século XX.

1986 Traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres (1)
photo_camera [Imaxe: SG] Traslado dos restos de Castelao ao Panteón dos Galegos Ilustres, con manifestantes á esquerda.

A decisión de devolver a Galiza os restos de Castelao remóntase aos anos posteriores á morte de Franco pero non se fará efectiva até o primeiro goberno da autonomía. A idea de repatriar os seus restos desde a Arxentina é recollida por primeira vez en diversos artigos publicados na revista Teima, non tardando en recoller a luva en Bos Aires Rodolfo Prada, antigo secretario de Castelao no exilio, naquela altura en aberta disidencia co Consello de Galiza e que mantiña desde os anos sesenta unhas relacións privilexiadas con Ramón Piñeiro, outra peza chave na trámolla na súa condición de deputado do PSOE e valedor da candidatura de Albor dentro de AP.

Así é todo, a proposta non se formalizará até a primeira lexislatura da autonomía, cando o Parlamento de Galiza acorda xestionar a traída dos restos, sinalándose no labor o presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor, unido nunha relación de amizade coas irmáns de Castelao a través da familia da súa compañeira Asunción Baltar e ligado de vello ao grupo de Piñeiro.

Unha operación política para lexitimar a autonomía

A traída dos restos de Castelao respondía ao cuádruplo obxectivo de dotar de apoio social ao réxime autonómico, de manter o combate e a exclusión contra o nacionalismo, de avanzar na idea de reconciliación entre as vítimas e os verdugos e de outorgar natureza democrática e galega aos xestores da autonomía.

A data, escollendo para a súa chegada a Bonaval un 28 de xuño, a fin de facelo coincidir co aniversario do referendo do estatuto de 1936. O momento, cos deputados do BN-PG-PSG, Lois Diéguez, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido, expulsados do Parlamento de Galiza em 1982, nun contexto de forte represión ao nacionalismo, iniciado após o 23F, continuado polos primeiros gobernos do PSOE e que respondía a tentar eliminar aquelas alternativas non confesionais co modelo da Constitución de 1978. O tempo, cunhas institucións autonómicas cuestionadas na súa utilidade e no seu carácter democrático, cun Estatuto que merecía a indiferenza maioritaria do pobo galego, como se demostrou no referendo de 1980 e cuns responsábeis, á fronte, carentes de calquera tipo de lexitimidade democrática.

A manipulación de Castelao

As tentativas de manipulación do legado de Castelao son anteriores ao período autonómico. Porén neste momento acadan un carácter máis evidente pola necesidade de convertelo no avalista do proxecto político en marcha. O proceso de adulteración do pensamento e da obra de Castelao arranca dos anos inmediatamente posteriores á súa morte, sendo obxecto de vivas polémicas entre os seus compañeiros de exilio e unha parte dos galeguistas de interior liderados por Ramón Piñeiro, decididos a impugnar o seu corpo ideolóxico, botar terra polo seu labor político e desligar do anterior o seu traballo de creación artística e literaria.

A polémica continuará ao longo da década dos sesenta e setenta, neste caso enfrontando o nacente nacionalismo e os núcleos que continuaban fieis a Piñeiro, estoupando nos albores da autonomía cando tentan presentar Castelao como unha sorte de inspirador do texto estatutario de 1981. As achegas doutrinais do de Rianxo presentaban o autonomismo e o federalismo como antitético co nacionalismo, explicando o estatuto de 1936 como un punto de partida e non de chegada, situando a súa reivindicación como un paso para avanzar na liberación nacional da Galiza.

A batalla de Bonaval

O 28 de xuño de 1984 Daniel Castelao estaba de novo na Galiza tras unha viaxe de volta non exenta de sobresaltos, con ameaza de bomba incluída, o que provocou retrasos no voo do avión e no seu recibimento, case clandestino de Lavacolla, e posteriormente en Bonaval. O Bloque Nacionalista Galego, que amosara desde o primeiro momento a súa oposición ao retorno de Castelao naquelas circunstancias políticas e que denunciara a operación que se agochaba tras aquela decisión, desenvolveu unha campaña de explicación do seu pensamento político e organizou diversos actos de protesta.

O 24 de xuño arredor dunhas cinco mil persoas manifestábanse polas rúas de Santiago de Compostela, baixo o lema “Castelao sen manipulación”

O 24 de xuño arredor dunhas cinco mil persoas manifestábanse polas rúas de Santiago de Compostela, baixo o lema “Castelao sen manipulación”, nunha marcha que remataría na Praza do Toural cunha intervención de Avilés de Taramancos e Bautista Álvarez. Álvarez acusou o goberno da autonomía de ser “fillos ideolóxicos dos que noutros tempos empuñaron fusil e pistola en contra da Galiza” e cualificou a traída dos restos como “máscara institucional, afronta deshonrosa para Galiza e para o seu pobo”. Chamara os presentes a concentrarse o 28 de xuño para “facerlle a Castelao o desagravio que merece”.

O mosteiro de San Domingos de Bonaval sería testemuña dunha brutal carga das forzas da orde pública contra os manifestantes que protestaban contra o secuestro de Castelao, nunhas imaxes que xunto a unha narración vibrante da xornalista Tareixa Navaza chegarían a milleiros de galegos ao ser retransmitidas en directo polas cámaras da delegación na Galiza da Televisión Española. Mentres Daniel Castelao chegaba ao antigo templo exclaustrado, en palabras de Bautista Álvarez, “ao lombo dos herdeiros políticos daqueles que o mandaran ao exilio, escoltado polos mesmos que perseguiran a súa obra e pensamento durante o franquismo”, os militantes e simpatizantes nacionalistas que responderan á convocatoria do BNG eran disolvidos a porrazos e con pelotas de gomas, deixando ducias de feridos e persoas que requiriron atención médica, entre eles o propio Bautista Álvarez, agredido cando ensinaba a súa credencial de deputado á policía.

A maré represiva non rematou cos incidentes de Bonaval, continuando nas semanas e nos meses seguintes coas multas e procesamentos a algúns dirixentes nacionalistas, baixo a responsabilidade de ter promovido estes actos.

A homenaxe nunha Quintana recuperada

A manifestación Día da Patria Galega de 1984 converteuse nunha grande xornada de homenaxe a Castelao. O ciclo recentralizador iniciado nos últimos anos do goberno da UCD, agudizado após o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e consolidado coa chegada ao goberno do PSOE, veu acompañado dun paquete de medidas represivas contra o nacionalismo do que son exemplos paradigmáticos na Galiza a expulsión do Parlamento dos deputados do BNG e a prohibición de entrada na cidade vella de Santiago de Compostela da marcha do 25 de xullo.

As protestas desenvolvidas polos nacionalistas nos anos anteriores e particularmente a resistencia e os enfrontamentos nas rúas da capital da Galiza no Día da Patria Galega de 1983 torceron a vontade do goberno, obrigando a permitir a volta á praza da Quintana após catro anos de ausencia á mobilización patriótica. Nunha praza ateigada de pancartas con lendas recollidas do Sempre en Galiza, con consignas preparadas para a ocasión, como “Aquí está, vivo en pé, o noso irmán Daniel”, cun panel de grande tamaño coa imaxe de Castelao presidindo a concentración, os asistentes ao acto do BNG realizaron unha inesquecíbel homenaxe con ofrenda floral de caraveis vermellos ao patriota.

Comentarios