Máis

Noia e os seus cruceiros

Un roteiro de rúa para gozar do patrimonio.
Detalle do cruceiro de Eiroa (Noia), feito con granito no século XIX e que simboliza a entrega de Cristo á Virxe.  (Foto: EVB)
photo_camera Detalle do cruceiro de Eiroa (Noia), feito con granito no século XIX e que simboliza a entrega de Cristo á Virxe. (Foto: EVB)

E  ntre os esteiros do fondo da ría que lle dá nome compartido con Muros, a desembocadura do río Tambre, e as faldras do Barbanza, localízase a vila de Noia. Mimetizados no mobiliario urbano, é posíbel descubrir referentes patrimoniais, testemuñas do devir histórico, como son os cruceiros que, deixou escrito Castelao, son un "perdón do ceo".

O inicio deste percurso proposto encóntrase no lugar de Eiroa, na parroquia de Barro. Aquí, os dous cruceiros de Eiroa 'protexen' as casas, un cun Cristo cravado e nas súas costas a Virxe en posición de oración, e outro que simboliza unha escena posterior, o desencravo da cruz e a Virxe que agarda polo seu corpo. Xunto ao cruceiro sitúase un peto de ánimas por se a 'Santa Compaña' fai presenza.

De camiño cara á vila, a seguinte parada é o Cruceiro de Barro, na parroquia homónima, tamén de granito e co Cristo cravado coa súa coroa de espiño e a Virxe cun xesto de imploración. despois deste alto no roteiro, é momento de encamiñarse ao centro histórico. 

A vila de Noia ten numerosos cruceiros: os de Eiroa, Barro, Orro, Xilvir... 

Alí, no vello cemiterio, sobresae un baldaquino de pedra datado no século XVI con escenas no teito e que ten un cruceiro no seu interior, o Cristo do Humilladoiro, un cruceiro que substituíu a cruz de bronce orixinal que foi levada no comezo do século XX a unha exposición de arte e nunca volveu.

O punto final deste roteiro é un dos centros neurálxicos históricos da vila, a praza do Tapal. Nela está a igrexa medieval de San Martiño, do século XV e cun estilo gótico 'mariñeiro', chea de detalles por dentro e por fóra. Na praza, diante da igrexa, atópase un cruceiro co Cristo crucificado e coa Virxe e San Xoán ao seu carón. Este foi levado á súa actual localización desde o lugar de Ponte Nafonso (Roo, Noia) no ano 1954. A veciñanza de Roo aínda reclama a súa "devolución".

Ademais dos cruceiros propostos para visitar neste roteiro, en Noia existen moitos máis que cómpre observar para apreciar toda a súa arte e que se localizan nos lugares de Orro, Xilvir, Manle ou A Fialla. O catálogo é heteroxéneo e longo, polo que cadaquén pode deseñar o seu propio roteiro. Como final, recoméndase un paseo pola beira da ría de Muros e Noia.