O Museo de Pontevedra impulsa o coñecemento da arte rupestre
O Museo de Pontevedra conmemorará o Día Europeo da Arte Rupestre cunha nova quenda dos obradoiros 'TransforArte' dado o éxito que tiveron entre a poboación. Esta é a primeira actividade centrada nesta temática concreta desde que o espazo, dependente da Deputación, pasou a ser parte do Itinerario Cultural do Consello de Europa 'Camiños de Arte Rupestre Prehistórica' (CARP).
A acción, que ficou sen prazas dispoñíbeis en moi pouco tempo, é unha maneira de achegar ás crianzas "á arte rupestre galega a través da colección propia do Museo dunha forma lúdica e pedagóxica".
Quer na primeira convocatoria, quer na nova –que terá lugar o sábado 10 de outubro de 17.30 a 19 horas e o domingo 11 de outubro de 11 a 12.30 horas–, o persoal encargado da iniciativa axudará a rapazada a comprender "algúns dos elementos abstractos e figurados máis representativos".
Animar as crianzas a protexer o patrimonio
Outra das metas que se marcou a Deputación é que no museo, as e os asistentes saiban da importancia do traballo de recuperación, investigación e salvagarda da arte rupestre da Galiza.
De feito, haberá que facer unha representación artesanal dos petróglifos do país con modelado de pasta e a confección de diferentes tecidos.
O obradoiro, destinado a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, ten aberta a inscrición a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es.
A participación é gratuíta mais o número limitado de prazas fai que haxa que anotarse. Respectarase a orde de recepción das solicitudes para completar a nova quenda desta acción.