xoves 24/09/20

San Domingos esperta o interese do público

O Museo de Pontevedra duplicou visitantes durante os meses de xullo e agosto.
Ruínas de San Domingos, en Pontevedra.
Ruínas de San Domingos, en Pontevedra.

O Museo de Pontevedra duplicou durante os meses de estío o número de visitas. A reapertura das ruínas de San Domingos atraeu un total de 33.266 persoas entre xullo e agosto, malia todas as restricións derivadas da pandemia de Covid-19.

Os datos contabilizados pola Dirección do Museo revelan que neste 2020 o número total de visitantes no mes de xullo ascendeu a 8.694 persoas, 77% correspondentes ás ruínas e o resto ao Sexto Edificio e ao Fernández López. En agosto, o número total de visitas foi de 24.574, das cales 20.784, 84%, escolleron as ruínas de San Domingos, abertas de novo ao público unha vez finalizados os traballos de mantemento.

O director, Xosé Manuel Rey, amosou a súa satisfacción polo atractivo das ruínas de San Domingos, das que subliñou que a súa localización, nunha zona céntrica de tránsito, fai que atraia unha tipoloxía de visitantes moi distinta da que reciben outros edificios do Museo. "Neste verán houbo días de verdadeira afluencia, chegando a formarse colas con moita xente agardando para poder entrar debido á capacidade permitida", explicou. Ademais, avanzou que están a traballar na realización dun audiovisual en 3D co fin de mellorar a experiencia da visita. "Queremos que as persoas teñan máis fácil acceso á información cun formato máis atractivo que os paneis actuais", salientou. 

Liberdade e compromiso: Xaime Quesada

Doutra banda, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá desde o vindeiro 24 de setembro ao 10 de xaneiro de 2021 a súa primeira monografía antolóxica sobre o artista ourensán Xaime Quessada.

Esta exposición, a última grande prevista polo Museo para este ano, é unha mostra comisariada por Pilar Corredoira na que se exhibirán máis de medio cento de obras realizadas ao longo de cinco décadas de actividade creadora e na que se reflicten dúas das características máis destacadas do autor: liberdade creativa e compromiso social.

Segundo Xosé Manuel Rey, esta mostra terá unha gran significación e importancia dentro da traxectoria expositiva do Museo de Pontevedra, xa que con ela se vai estrear tamén a nova imaxe corporativa da institución pontevedresa, presentada publicamente o pasado mes de xullo. 

comentarios