xoves 02/12/21

O Museo de Pontevedra impulsa o coñecemento da arte rupestre

O espazo expositivo, que depende da Deputación, abre unha nova quenda para que as crianzas poidan participar nos obradoiros con motivo do Día Europeo da Arte Rupestre. Un dos obxectivos é que a rapazada aprenda a protexer o patrimonio do país.
EuropaPress_2401279_grupovigo_np_depo_expo_galaicos_no_museo_pontevedra
Imaxe de arquivo dunha presentación anterior no Museo de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O Museo de Pontevedra conmemorará o Día Europeo da Arte Rupestre cunha nova quenda dos obradoiros 'TransforArte' dado o éxito que tiveron entre a poboación. Esta é a primeira actividade centrada nesta temática concreta desde que o espazo, dependente da Deputación, pasou a ser parte do Itinerario Cultural do Consello de Europa 'Camiños de Arte Rupestre Prehistórica' (CARP). 

A acción, que ficou sen prazas dispoñíbeis en moi pouco tempo, é unha maneira de achegar ás crianzas "á arte rupestre galega a través da colección propia do Museo dunha forma lúdica e pedagóxica". 

Quer na primeira convocatoria, quer na nova –que terá lugar o sábado 10 de outubro de 17.30 a 19 horas e o domingo 11 de outubro de 11 a 12.30 horas–, o persoal encargado da iniciativa axudará a rapazada a comprender "algúns dos elementos abstractos e figurados máis representativos". 

Animar as crianzas a protexer o patrimonio

Outra das metas que se marcou a Deputación é que no museo, as e os asistentes saiban da importancia do traballo de recuperación, investigación e salvagarda da arte rupestre da Galiza.

De feito, haberá que facer unha representación artesanal dos petróglifos do país con modelado de pasta e a confección de diferentes tecidos.

O obradoiro, destinado a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, ten aberta a inscrición a través do correo electrónico [email protected]

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A participación é gratuíta mais o número limitado de prazas fai que haxa que anotarse. Respectarase a orde de recepción das solicitudes para completar a nova quenda desta acción. 

O Museo de Pontevedra impulsa o coñecemento da arte rupestre
comentarios