A historia das moedas galegas, no Museo de Lugo
Onte inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días. A mostra, comisariada por Pablo Núñez Meneses, Antonio Roma e Aurelia Balseiro exhibe unha escolma monetaria representativa da historia da moeda na Galiza procedente de coleccións públicas e privadas. Moitas das pezas veranse por primeira vez en Lugo, configurando a primeira mostra das mellores moedas conservadas de ceca galega.
De monetaria galega pretende dar a coñecer ao público xeral a moeda acuñada na Galiza e a percepción cultural que o numerario tivo na cidadanía, e oresentar diacronicamente a historia monetaria da Galiza trasladando unha mensaxe clara: a relación dos galegos coa súa moeda foi relevante política e economicamente.
Para o público xeral, a exposición actualiza a presenza histórica da moeda en toda a Galiza e, especialmente, en Lugo; para o público máis afecto á numismática, serve para completar as nocións científicas, en aspectos como a significación cultural da moeda en cada período.
Cada unha das etapas históricas representadas é tratado na exposición de maneira singular como parte da liña do tempo e considerando a moeda no seu contexto cultural. Ademais, a mostra incorpora a perspectiva de xénero, destacando a presenza de mulleres nas moedas, como nos casos das raíñas Urraca, Isabel a Católica e Isabel II.
O sestercio de Augusto
Unha das moedas que se expoñen é o sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural (BIC) o pasado mes de setembro e case única, da que só se coñecen tres exemplares coas súas características no mundo.
A moeda é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra no reverso. A peza non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e seguen a ser obxecto de investigación. As achegas ao coñecemento da moeda realizadas desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles que acompañaban o exército ou a cecas como a de Lucus (Lugo), Emerita (Mérida) ou Colonia Patricia (Córdoba).