O Museo Fortaleza de San Paio de Narla rescata as historias non contadas

O programa 'Soterradas, vidas e historias na busca dun contexto de xustiza social', convida a percorrer o castelo fortaleza de San Paio de Narla cunha nova narrativa pondo o foco na vida das persoas, “dos de arriba e dos de abaixo”. Un proxecto museolóxico que incide na historia e reivindica o espírito da Revolta Irmandiña. 
Castelo fortaleza de San Paio de Narla en Friol (comarca de Lugo).
Castelo fortaleza de San Paio de Narla en Friol (comarca de Lugo).

O Museo Fortaleza de San Paio de Narla (Friol, comarca de Lugo) forma parte dun proxecto de revisión dos museos como ferramenta de comunicación que está a levar a cabo en distintos espazos a Rede Museística da Deputación de Lugo. Unha “nova narrativa” que, segundo explica a xerente desta rede, Encarna Lago, quere “hackear o propio museo: baleiralo dun contido que non era propio [material etnográfico doutro museo] para enchelo do contido que nos proporcionan a historia da fortaleza en paralelo á doutras fortificacións das comarcas”. Narla e Tor (Monforte, Terra de Lemos) son os expoñentes dun intenso traballo de documentación para “rescatar as historias non contadas” e crear con estes espazos unha nova e atractiva narrativa, coas Revoltas Irmandiñas como fío condutor.

Tres anos de intenso traballo de documentación crearon nestas fortalezas museísticas auténticos espazos para “recatar a memoria, facer arqueoloxía emocional, pondo o foco no que non está contado”, explica a xerente da Rede Museística Provincial. “O traballo de documentación e investigación realizado durante os últimos tres anos para desenvolver o proxecto, que supuxo recuperar episodios esquecidos ou invisibilizados detrás dos relatos hexemónicos”.

Deste modo apareceron Angelita, que chegou con 9 anos ao Pazo de Tor e traballou alí até a súa xubilación, amas de cría, un expósito abandonado, Juan Antonio, que foi un dos nenos da expedición de Balmis, que levaron a vacina da varíola a Asia e América. Encarna Lago ten claro que a Revolta Irmandiña é o fío condutor deste momento da historia, do paso da Idade Media á Moderna, a loita contra as inxustizas dos señores e polo medio a vida de moitas persoas, fundamentalmente mulleres, que é preciso rescatar e contar “as historias dos de arriba e dos de abaixo”. Iso é o que a Rede Museística fixo en Tor e Narla, un pazo e unha fortaleza con moitas historias sen relatar e que teñen agora unha nova narrativa que fai ás visitantes e aos visitantes pertencer a unha época, coñecer a xente do común e analizar e conversar sobre cuestións e problemas sociais que persisten na actualidade.

A historia sen contar de María González

O historiador da Rede Museística, Simón Vicente, relata a Nós Diario algunhas desas historias agochadas que apareceron no intenso traballo de documentación en Narla. Chamoulle a atención sucesos como o acontecido dez anos antes da Revolta Irmandiña (en 1455) a raíz da inimizade entre a familia Prado e o señor de Sampaio. Os Prado “encastelaron” a igrexa de Bóveda e eran dados ás feitorías e nunha delas mataron un vasalo de Vasco das Seixas, Nuno Losada. A resposta non se fixo agardar e Vasco das Seixas e os seus homes prenderon lume á igrexa facendo saír aos Prado, aos que levaron presos a San Paio de Narla, onde segundo relatan os escritos atopados foron axustizados un a un polos máis diversos métodos da “xustiza medieval”.

En Narla apareceu tamén outra historia sen contar, a de María González, muller violada en 1738. O documento que o acredita é unha figura específica do dereito da Galiza, un “acto de espontanearse”, non era unha denuncia como hoxe a entendemos pero si era un recurso xurídico propio do país co que unha muller violada e embarazada froito desa violación “lexitimábase coma nai solteira”, explica Simón Vicente. A muller acudía a un notario de forma que así evitaba escarnio público e o violador era condenado a pagar unha manutención pola crianza, “así evitábanse abortos ou mesmo nenos abandonados na inclusa”.

Narla está cheo de sucesos como o asasinato de Catarina de Santirso. 

As historias e lendas sen contar de Narla están cheas de sucesos como o asasinato de Catarina de Santirso a mans do seu marido, o fillo do segundo Vasco das Seixas, que tentou “socavar a súa honorabilidade”, envelenala e finalmente acabou apuñalándoa. Catarina de Santirso foi soterrada en Sobrado dos Monxes, onde 21 días despois o seu pai descubriu o seu corpo incorrupto e ao quitarlle unha estopa de liño da ferida comezou a sangrar. “Un milagre” que venderon os monxes de Sobrado da época “para prestixio do mosteiro”, explica o historiador.

Nova narrativa

A experiencia da Rede Museística da Deputación de Lugo está a dar os seus froitos, esta “nova narrativa” que lle están a dar aos museos e fortalezas dá froitos entre as persoas visitantes. Iria Castro, deputada de Cultura, Patrimonio Histórico-Astístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, cualifica o Museo Fortaleza de Narla como o “bastión do cambio” dunha política que quere “pór as persoas no centro, recuperar a narrativa” e colocar as Revoltas Irmandiñas como fío condutor.

“Quedarnos nos señores feudais é inxusto”, explica Castro a Nós Diario, e sinala “unha vida soterrada” que precisa para ser contada “un cambio de paradigma”. Con este obxectivo a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a darlle “unha volta á forma de entender os museos”.

A experiencia: Unha montaxe museística innovadora

A montaxe museística en San Paio de Narla é “innovadora e sostíbel económica, social e medioambientalmente”, destaca a xerente da Rede Museística, pero ademais pretende converter as visitas á fortaleza “nunha experiencia que serve para a vida”. “Demostramos con datos o que alí aconteceu, unha investigación histórica e social”. Coa tecnoloxía, os códigos QR e espazos interactivos, Narla é “un castelo que fala e conta historias e lendas”. A experiencia neste museo está a servir, segundo explican desde a Deputación, para que adolescentes e maiores, escritoras e músicas, participen coa súa presenza no coñecemento e en entender “o traballo detrás das pedras, a vida”. O espazo ten mesmo un “parladoiro” no que sentarse a debater.

Coa tecnoloxía, os códigos QR e espazos interactivos, Narla é "un castelo que fala".

Un espazo para a creación artística

Un grupo de teatro pasou este verán a noite en Narla, tamén unha coral de persoas maiores visitaron o espazo museístico acompañando os seus pasos con paradas para cantar, e moitas escritoras, músicos e historiadores están a achegar vida a este espazo. Narla tamén é accesíbel e desde unha mesa situada na planta baixa pódese visitar sensorialmente cada un dos seus espazos, con códigos de 360 graos que moven circularmente e orientan aos usuarios e ás usuarias.

Logo Deputación

Comentarios