Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

De Dorothé Schubart ao mundo dos coidados: unha MICE con protagonistas femininas

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego enfronta a súa 15ª edición, logo de ser adiada por mor do confinamento, cunha programación que concilia o presencial e o virtual. Entre a escolma realizada destacan as proxeccións de obras galegas con protagonistas femininas, desde a curtametraxe de ficción 'Xoves de comadres', de Noemi Chantada, até a reconstrución das pegadas de Schubarth en 'Dorothé na Vila'.

xoves
photo_camera xoves

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego afronta este ano unha edición especial, que o confinamento obrigou a trasladar a finais deste mes de agosto. Así, a organización vén de dar a coñecer a programación completa que se desenvolverá nunha fórmula mixta dixital e presencial, de 25 a 29 de agosto.

A directora do evento, Ana Estévez, apuntou que recibiron máis de 1.300 inscricións, das que se fixo unha escolma moi rica que trata temas sociais, culturais e persoais desde perspectivas múltiples. Acompañárona  na presentación Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; e Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña.

Sección oficial

A sección oficial reúne 15 filmes coproducidos por 16 nacionalidades diferentes, nos que destaca a procedencia europea e asiática. A MICE conserva, como en edicións anteriores, o compromiso co cinema feito por mulleres, que conforma por volta de 50% das películas. A memoria histórica tratada desde a perspectiva de xénero e as escollas lingüísticas son as liñas temáticas que aglutinan esta edición.

Os filmes internacionais a concurso terán os seus pases en liña. Quedarán así para ver desde a casa propostas como Terra, de Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres, que chega a Compostela logo de pasar polo Doclisboa, ou 11,565 project, de Beichen Zhang, seleccionada no Tribecca Contemporary Art Fair.

As películas recollen as últimas tendencias do cinema etnográfico con técnicas moi diversas, desde o documental autoetnográfico en formato vídeo-diario (Au printemps tu verrás, Nicolas Gerifaud), ao traballo con metraxe atopada e material de arquivo (Research / Souvenir (Dialogues), Roger Horn) ou a inserción da cineasta nas dinámicas internas do colectivo (Quartier Nomade, Alexandra Rice).

A produción recente de cinema galego terá un destacado protagonismo con sesións presenciais ao longo da semana, que abrirá a terza feira en Numax coas curtametraxes En la boca de la mina, de Brandán Cerviño, e Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo, coa presenza de ambos os directores.

A primeira, premio Planeta GZ na pasada edición do Curtocircuíto, realizada entre a Galiza e Cuba, atende, a través dos habitantes da antiga cidade mineira de El Cobre, ás tradicións cimarronas e ao recordo das primeiras sublevacións de escravos.

Teijelo, pola súa banda, presenta unha peza que na súa media hora de duración vira arredor da matanza do porco como unha tradición en proceso de desaparición, encarnando unha maneira de ver a vida que muda de maneira inevitábel nese mundo global do presente.

Segundo explica o director, a súa idea era retratar simplemente o proceso, sen voz, pero o concepto foi cambiando durante a rodaxe. "A realidade é o guión en si", comenta a respecto desta adaptación, que o levou a converter no eixe da curtametraxe unha longa parola con Carmen na cociña, que forma tamén parte do costume e retrata outras relacións sociais e co traballo.

"A realidade é o guión en si", comenta a respecto da rodaxe Teijelo

Esta conversa preséntasenos de forma "inmersiva", destaca o director, en primeiro plano, tratando de introducir ao espectador nesa mesma complicidade que Carmen mantén co entrevistador, co que comparte un vínculo de proximidade.

Igualmente, Teijelo subliña as reflexións da propia protagonista sobre a superstición e a súa desaparición coa chegada da luz eléctrica que refire o título, símbolo do progreso no que, con todo, sempre queda oco para voltar a ela "cando algo non ten explicación doada".

A sexta feira proxectaranse no Teatro Principal as longametraxes a concurso Eu tamén necesito amar, na que Antonio Caeiro se achega á figura da súa propia nai para abordar como un estado ditatorial se introduciu dentro dos corpos das mulleres que naceron arredor da Guerra Civil española; e Hamada, de Eloy Domínguez Serén, un relato vitalista da vida nun campamento de refuxidas no deserto do Sáhara, premiado no Cinéma du Réel.

O xurado estará formado por Jorge Moreno, director do proxecto Mapas de Memoria; Iván Cuevas, xornalista fundador do Cineclube de Compostela; e Xisela Franco, cineasta e profesora. Das súas deliberacións sairán os premios á Mellor Película e á Mellor Película Galega, dotados con 1.000 e 700 euros, respectivamente.

Pola súa banda, a Asociación Galega de Antropoloxía entregará o premio Agantro á excelencia antropolóxica, cunha dotación de 500 euros. O recoñecemento do público terá habilitado un sistema de votación por internet, ao facerse parte da programación en liña.

Cinema en Bonaval

A presenza galega esténdese tamén á sección Cinema Bonaval, na que destaca a estrea en primicia do documental Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío. A quinta feira 27 ás 22 horas as asistentes terán a oportunidade de acompañar as autoras nas súas pescudas tras os pasos da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe pola Galiza de finais dos anos 70 para atopar as voces que recolleu e descubrir as súas historias de vida.

Tamén verá a luz na Galiza Xoves de comadres, de Noemi Chantada, logo do seu pase polo Festival de Málaga. Trátase da primeira achega ficcional da directora de A muller invisíbel, mais cunha historia fondamente apegada á realidade, na factura e no contido.

Segundo confesa Chantada a Nós Diario, o proxecto naceu como documental, mais durante o proceso de investigación a través de visitas a unha residencia de anciás con principio de alzhéimer decatouse de que a rodaxe podería ser "intrusiva" e prexudicar as necesidades e a intimidade destas persoas, polo que optou por ficcionala.

"O mundo dos coidados é unha realidade desde hai moitos anos, un traballo feminino que non sempre foi ben entendido", explica Noemi Chantada

A curtametraxe pon no foco as relacións entre quen coida e quen é coidada, un tema que á directora lle toca de preto, pois bebe da experiencia directa da súa nai como coidadora. "O mundo dos coidados é unha realidade desde hai moitos anos, un traballo feminino que non sempre foi ben entendido", explica.

Oralidade e memoria da muller

Este é un bo exemplo da vontade por manter, na medida do posíbel, as liñas temáticas que ían centrar as seccións Trazas e Impropias, adiadas até 2021: a oralidade e a memoria histórica das mulleres. Nesta liña, no Bonaval acollerá tamén a primeira curtametraxe de Sabela Souto, Santa Baia de Montes, unha peza que xorde como traballo final logo do erasmus en Porto da realizadora, no que pretendía achegarse á problemática dos incendios nun dos lugares que máis arden no Estado.

Porén, coñecer a xente fíxolle deixar a un lado esta premisa para centrarse nas persoas e nas súas historias, a través dun "paseo persoal" pola aldea que lle quedaba "tan preto da casa [Verín] e da que non sabía case nada". Pasaranse igualmente dentro deste conxunto Las Cinéphilas, da arxentina María Álvarez, e  De monstruos y faldas, de Carolina Astudillo.

Crianzas

Ademais, o público familiar e infantil de 7 anos en diante poderá acudir á sección MICE Petís, que ofrecerá catro curtas para as máis novas, seleccionadas por Marcos Nine (realizador e director artístico do festival Cinema Crianza). Tamén haberá programación en liña a través da canle de Youtube e a oportunidade de realizar un obradoiro de xoguetes ópticos e zoótropos no Vimeo do Museo do Pobo Galego coa asociación Espacio Rojo. 

Billetes

As entradas para Numax e o Teatro Principal poden retirarse nas billeteiras dos dous espazos correspondentes. As demais sesións reservaranse online, cun máximo de catro por persoa.

Comentarios