Máis

O Mosteiro de Penamaior

Mestura de materiais nunha paisaxe de lousa.Orixes incertas, patrimonio descoñecido e lendas agochadas. 
2880px-Mosteiro_de_Penamaior
photo_camera Mosteiro de Santa María de Penamaior nos Ancares. (Foto: Rocafera)

Entre Becerreá e Baralla (na comarca dos Ancares) localízase o mosteiro da parroquia de Santa María de  Penamaior. Unha construción arquitectónica de orixes incertas, mais da que se asegura que xa se ten constancia desde o ano 922, aínda que se cre que non foi habitada pola congregación cisterciense até o ano 1203.

Durante un tempo mesmo chegou a ter categoría de abadía, mais rematou por perdela ante o reducido número de monxes da orde eclesiástica que poboaba as terras. Así mesmo, o templo foi tamén obxecto das desamortizacións de Mendizábal, vendendo os seus bens e transformándose co tempo nunha parroquia. Actualmente esta construción conta coa declaración de Ben de Interese Cultural. O mosteiro, situado nun val das ladeiras da serra do Pico, aparece enmarcado por unha paisaxe natural pouco poboada con ampla vexetación e montañas de lousa, un dos materiais fundamentais na construción do mosteiro.

A estrutura, de orixe románica, conta cunha planta basilical de tres naves e tres ábsidas, parte circular saínte na que se adoita instalar o altar. Cada unha das ábsidas de forma semicircular. Coa particularidade de que a ábsida central é poligonal cara ao exterior e circular no interior. Os altares conservan tres retablos barrocos nun grao de conservación débil.

Así, unha das estancias do mosteiro que maior interese suscita é o templo, alternando pedra e lousa e con modificacións barrocas na fachada. Desta forma, mentres o costado sur da igrexa se atopa condicionado por construcións modernas, a parte setentrional aparece libre de interferencias. No exterior  destacan as fiestras con arcos de medio punto situadas sobre columnas ornamentadas con gravados en pedra. Sobresae sobre o resto a fiestra máis próxima á cabeceira, construída en forma de rosetón, algo pouco habitual nesta zona dos mosteiros. No interior, os distintos estilos arquitectónicos son reflexo das diferentes etapas de construción e reforma.

Un convento pouco coñecido, mais con moitas lendas detrás que o relacionan coa Orde do Temple ou co achado de instrumentos de tortura.

Comentarios