Monica Mura: "Na Galiza as tradicións evolucionan, sobre todo as que teñen un compoñente machista"

A Sala Alterarte do Campus de Ourense da Uvigo acolle até o 7 de abril a exposición 'Ser son', unha instalación sonora de Monica Mura que parte da investigación sobre a presenza da muller nas 18 máscaras do Entroido galego que levan incorporado elementos sonoros. En conversa con Nós Diario, descubre algunhas das características que atopou partindo da experiencia previa no seu pobo natal: Sardeña.    

Monica Mura con algúns dos chocallos e outros elementos que reuníu na obra 'Ser son'. (Foto: Monica Mura).
photo_camera Monica Mura con algúns dos chocallos e outros elementos que reuníu na obra 'Ser son'. (Foto: Monica Mura).

Cal é a orixe de 'Ser Son'?

É unha creación específica para a sala Alterarte. Cando Sara Donoso me propuxo participar nun ciclo para mulleres, decateime de que coincidía co Entroido e decidimos relacionalo cun proxecto anterior, titulado Sonallas, no que traballei o carnaval de Sardeña para o CGAC. Daquela afondei na presenza de chocallos nas súas diferentes máscaras na contorna pastoral e descubrín que as levaban os homes. Interesoume que se mantivese unha tradición sen que evolucionase cos tempos.

Mantiñan que era mellor que as mulleres non vestisen esas figuras por ser, na orixe, rituais que se facían para afastar o maligno. Nalgún momento comentaron que era polo peso mais agora voltaron á idea da protección da muller.

Na Galiza acontecía igual?

Cando traballei coas máscaras de Ourense o que fixen foi procurar entender cales eran as que estaban en activo que levaran chocallos campaíñas, cascabeis, cinzarras, cinzarros, axóuxeres, chocas ou chocarelos. Atopei 18 máscaras das que algunhas eran antigas, como era o caso dos peliqueiros, e outras recuperadas recentemente a través das lembranzas da xente maior.

Realicei unha investigación a partir dun cuestionario no que preguntaba, por exemplo, quen levaba a máscara, como era o son que producían e de onde sacaban os elementos sonoros. 

O resultado final na Galiza foi moi diferente. De todas as que levaban compoñente sonoro quedaba unha en Viana do Bolo que a levaban sempre os homes, até este ano, que tamén pasou a ser mixta. Hai varias teorías que explican esta situación. Unha delas apunta á prohibición durante o franquismo e a falta de homes, polo que as mulleres tentaron que non se perdese a tradición.

Outra sinala que ten que ver coa apertura unha vez pasada a ditadura e sinalaría unha procura da igualdade que se demanda na actualidade. Implica que na Galiza a tradición evoluciona co tempo, sobre todo aquelas que teñen un compoñente machista. Pola contra, o aspecto negativo era que os chocallos ou as campaíñas non se producían aquí, mercábanse en Portugal ou en feiras fóra da Galiza. Aquí só se montaban os cintos onde tiñan que estar colocadas.

Como se configurou a instalación final que poden ver as persoas que a visiten? 

Na sala hai colocadas unhas cordas desde as paredes que chegan ao centro, onde hai un cinto de coiro ao que están enganchadas. Cada unha leva o peso dunha máscara que foi cedida para a ocasión polos diferentes grupos que organizan o Entroido en cada un dos municipios. A instalación creouse un pouco como se fose un instrumento musical. En total estamos a falar de 30 quilos de carga. Comeza cos Felos de Maceda, que empregan os chocallos máis grandes, e fecha cos Felos de Esgos, que son os que teñen un maior número. A activación da instalación realízase colocándome o cinto e movéndome, axudándome polas mans.

Primeiro presentei o son de máscara e rematei tocando o conxunto. Ao estaren as cordas en tensión, hai un efecto rebote no resto, creando un diálogo entre as distintas máscaras, semellante ao que podería darse entre lugares achegados na xeografía real. A montaxe está gravada e pode verse na sala.

Que representa para vostede o 8-M como artista?

Defínome como artista e activista. A miña produción non deixa de ter unha ollada feminista por reflectir como son eu. Esta mesma instalación está pensada para ver como estabamos en relación á tradición e, neste caso a evolución foi en positivo. Unha vez levas as lentes lilas, miras o mundo doutra maneira. Daquela, non só observas os machismos, estás atenta aos micromachismos e tentas que iso mude. Para conseguilo, primeiro tes que identificalos.   

Comentarios