Bueu entregou os premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía

Premios Johán carballeira

O Concello de Bueu organizou este 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira, coa presenza de Marcos Abalde, gañador na categoría de poesía por Alcatrán, e Nieves Neira, galardoada en xornalismo coa reportaxe titulada “A fotógrafa revelada”, que recibiron de mans do alcalde, Félix Juncal, unha placa de cerámica coa imaxe de Johán Carballeira, deseñada pola artista Paula Pereira, máis coñecida como Cavalinho do demo.

Xosé Leal, concelleiro de cultura, reivindicou a memoria das persoas represaliadas no Día da Galiza Mártir así como unha defensa da lingua galega.  Estas ideas tamén as salientou ao comezo do acto Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, quen fixo fincapé na “necesidade que temos de que as administracións aposten por iniciativas que normalicen a lingua galega en todos os ámbitos”.

Pola súa banda, a xornalista luguesa Nieves Neira contou a xénese da reportaxe sobre Maruja Roca, unha das pioneiras da fotografía galega agochada ata hai pouco, amais de ser a tía avoa da premiada. Neira reivindicou a necesidade de recuperar as voces das mulleres silenciadas,.

Marcos Abalde, que mereceu o premio polo poemario Alcatrán, destacou no seu discurso a importancia do Día da Galiza Mártir, porque “esta é unha data máis importante do que poidamos imaxinar, sobre todo nun tempo no que se nos quere privar dos nosos mortos”.

Comentarios