Segunda feira, 14 de xaneiro

Miguel Anxo Murado e o portugués Valter Hugo Mãe recitan na Coruña

Unha das voces máis relevantes da literatura portuguesa última -Valter Hugo Mãe e un dos grandes narradores, e poeta de culto, da galega -Miguel Anxo Murado- comparten escenario esta segunda feira no auditorio do Centro Ágora da Coruña.
 

Miguel-Anxo Murado
photo_camera O escritor Miguel Anxo Murado. Foto: cedida.

Trátase da primeira cita do novo trimestre do ciclo de recitais Poetas Di(n)versos, que dirixe a poeta Yolanda Castaño e organiza o Concello da Coruña. O acto, que será ás 20.30 horas, xunta “dous raras avis dos universos galego e portugués, figuras cheas de personalidade e pensamento orixinal, polígrafos, cosmopolitas, polifacéticos, grandes xeradores de opinión”.

Valter Hugo Mãe naceu en 1971 en Angola. É cantante, presentador de televisión, editor. E poeta, claro. a máquina de fazer espanhois é unha das súas novelas de referencia. En verso publicou pornografía erudita ou folclore íntimo.

Valter Hugo Mae

É Murado (Lugo, 1965) un dos mestres da narración curta en galego. Con Outra idea de Galicia irrompeu con forza no ámbito ensaístico. Como poeta publicou tres volumes: Bestiario dos descontentos (1985), Lapidario dos heterodoxos (1990) e Lapidario (2004). Xornalista de profesión, escribiu un magnífico libro sobre Palestina e repasou en Ruído a súa experiencia nas guerras iugoslavas.

No Centro Ágora poderanse adquirir obras de ambos os dous escritores, fornecidos por unha libraría de proximidade.

Nota: o escritor portugués Valter Hugo Mãe.

Comentarios