Menchu Lamas e Rosario Álvarez, galardoadas cos Premios Otero Pedraio

A cultura, as artes e a lingua protagonizaron este sábado na Deputación de Pontevedra a gala de entrega dos Premios Otero Pedraio 2021, cos que a institución recoñeceu a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica Menchu Lamas. 

Rosario Álvarez e Menchu Lamas, na cerimonia dos Premios Otero Pedraio 2021 (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Rosario Álvarez e Menchu Lamas, na cerimonia dos Premios Otero Pedraio 2021 (Foto: Deputación de Pontevedra)

O pazo da Deputación de Pontevedra acolleu este sábado 18 de decembro a cerimonia dos Premios Otero Pedraio, galardóns cos que se recoñeceu o traballo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e da artista plástica Menchu Lamas.  

A cerimonia estivo presidida pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. Alí, estivo acompañada por representacións das deputacións galegas, das universidades, da Xunta, dos presidentes da Real Academia  Galega, Víctor Freixanes, e da Fundación Otero Pedraio, Eduardo López. 

O solemne acto foi conducido pola escritora María Canosa, que o definiu “como un acto de amor”, e contou coa actuación de Alejo Amoedo ao piano e Lucía Comesaña coa zanfona. Á cerimonia asistiu tamén a escultora Soledad Penalta, autora da peza artística dos Premios. 

Tras unha recepción e asinar no Libro de Honra da institución, Rosario Álvarez e  Menchu Lamas foron homenaxeadas coas tradicionais loas. Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria artística, puxo en valor que con Mechu Lamas se recoñece por primeira vez nestes premios o traballo dunha artista plástica galega. 

Pola súa banda, a escritora Fina Casalderrey destacou de Rosario Álvarez o feito de ser tantas veces pioneira na proxección da lingua galega, a "María Moliner galega e moito máis, é referente imprescindíbel no estudo e investigación científica da lingua", dixo. 

Na súa intervención, a pintora Menchu Lamas mostrou a súa emoción por lograr “un premio que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e que nos fixo mirar doutra maneira o que é Galiza, a súa paisaxe cultural”. A artista recreou a complexidade do seu percorrido pola cor, “eu compoño coas cores”, e puxo en valor o traballo da creación: “As creadoras e creadores somos o traballo colectivo do noso tempo, representantes do espírito que nos move no tempo que estamos vivindo. Cando se valora a pintura ou a creación contemporánea, dixo Lamas, se está a valorar o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre”.  

A artista tamén se referiu á escaseza de mulleres premiadas. “A invisibilidade da nosa presenza, da mirada distinta das mulleres, cando estivemos creando desde que nacemos pero non se miraba”. Menchu Lamas rematou cun canto á arte. “Cando eu fago un traballo non so é para min senón para todo o mundo que o mire e se a alguén lle queda unha pegada do que eu fago non hai maior declaración de amor”. 

Pola súa banda, a lingüista Rosario Álvarez dedicou a súa intervención ao propio “Don Ramón, polo que sentía fascinación”, á docencia, a súa nai e á cidade de Pontevedra. A premiada recordou “aquel 30 de xaneiro do 73 cando con 21 anos asistiu, sentada no chan”, á conferencia en Fonseca de Otero Pedraio “e fíxome oteriana ante a súa oratoria, a súa sintaxe, o seu don da palabra”.  

Álvarez, que definiu como unha honra recibir este premio xunto a Lamas, afirmou levaren “vidas paralelas, tanto, que nunca nos tocamos”, fixo todo un canto á docencia.  

“Sempre digo que son profesora, porque esa vocación vén da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxenme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagábeis”. 

A premiada lembrou a súa nai, “unha verdadeira mestra, a quen debo a miña curiosidade cultural”, e a todas as mestras e mestres “porque sempre aprendín das e dos mellores”. Tamén á cidade de Pontevedra “porque as miñas raíces e a súa pegada deixaron en min todo o que fixen até o día de hoxe”. Álvarez rematou cunha loa ao patrimonio lingüístico “como creación colectiva de homes e mulleres. Concibo a cultura en 360 graos e Galiza é o meu universo”. 

Comentarios