O mellor mural do mundo é este e está en Fene

‘As Mouras’, de Wedo Goás, é unha homenaxe a tradición celta no país.

'As Mouras' de Wedo Goás, en Fene. (Foto: Street Art Cities)
'As Mouras' de Wedo Goás, en Fene. (Foto: Street Art Cities)

A plataforma Street Art Cities anunciou esta segunda feira que o mural de 'As Mouras’, do artista Wedo Goás (Edgar Goás Blanco), foi recoñecido como mellor mural do mundo na categoría Expert Spotlight 2025 da plataforma internacional.

A obra, que se integra no lateral de dous edificios na rúa Río Cádavo de Perlío, en Fene (Ferrolterra), foi creada no marco do Perla Mural Fest 2025.

O xurado valorou non só a execución técnica de Goás, senón o profundo impacto social que a peza xerou na comunidade local. 'As Mouras' non é só unha intervención estética, senón un exercicio de recuperación da memoria colectiva que conecta o urbanismo contemporáneo coas raíces mitolóxicas do país.

A obra rende homenaxe ás mouras, figuras mitolóxicas da tradición prerromana e celta. Estes seres, gardiáns de tesouros e espíritos da natureza, simbolizan a fertilidade e o misterio do mundo subterráneo.

No mural, Wedo Goás captura a esencia destas mulleres que, segundo a lenda, habitan en castros e mananciais esperando a ser desencantadas.

A elección do tema non é casual. As lendas narran que estas deidades atraen aos transeúntes con melodías de arpa e gaita, unha mística que o artista logrou trasladar aos muros de Fene, convertendo unha zona residencial nun punto de peregrinación cultural.

Edgar Goás Blanco (A Coruña, 1999) consolídase con este premio como unha das figuras máis polifacéticas da arte actual. Licenciado con Matrícula de Honra en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e formado en escolas de arte de Lugo e A Coruña, Goás domina disciplinas que van desde o gravado e a escultura en realidade virtual até a escenografía.

Este recoñecemento nos Street Art Cities 2025 sitúa o seu nome --e o da localidade de Fene-- no mapa mundial da arte urbano, demostrando que o muralismo é unha ferramenta chave para a rexeneración social e cultural dos municipios.

Comentarios