Martín Codax protagoniza o Día das Artes Galegas

A Real Academia Galega de Belas Artes presenta Martín Codax como “referente incuestionábel da cultura musical galega”.

O evento contou con acompañamento musical a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. (Foto: Ragba)
photo_camera O evento contou con acompañamento musical a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. (Foto: Ragba)

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) celebrou este sábado, 1 de abril, o Día das Artes Galegas cun acto institucional no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo en lembranza do trobador Martín Codax, persoeiro homenaxeado neste 2023.

O acto institucional contou coa asistencia do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo; o compositor e académico de número da Sección de Música da institución, Juan Pedro Durán; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ademais doutras autoridades institucionais e académicas.

Manuel Quintana Martelo salientou que unha Academia que sinte orgullo por fomentar a creatividade artística, o estudo, difusión e protección do patrimonio artístico e cultural galegos, non podía esquecer a música como disciplina a destacar cun personaxe senlleiro no Día das Artes Galegas. Así, lembrou que o mestre Rogelio Groba, falecido recentemente, foi o académico responsábel da creación en 1989 do Arquivo Musical da Galiza, un fondo de documentación e información de incalculable valor.

Neste ámbito da música, Quintana Martelo destacou que a entidade renderá tributo ao longo de todo o ano 2023 a Martín Codax, “un referente incuestionábel na cultura musical galega e unha figura identitaria da historia da Galiza, mesmo como foron o Mestre Mateo ou Prisciliano”. Como un dos poetas galegos máis publicados e estudados, con multitude de traballos de investigación, explicou que o interese que esperta a obra de Martín Codax resulta ser unha constante ao longo do tempo. “Martín Codax é o primeiro autor galego do que se conserva texto e música e a súa figura está presente, a través de trazos identitarios, no que hoxe entendemos por música galega, ben popular ou culta”, afirmou.

A apaixoante historia do Pergamiño Vindel, un tesouro poético-musical

Na súa laudatio, “Martín Codax. A identidade musical galega”, Juan Pedro Durán destacou que a súa figura abarca tres eixos: o filolóxico, coa dedicatoria do Día das Letras Galegas 1998 aos trobadores do mar de Vigo –Mendinho, Johan de Cangas e Martín Codax–; o documental coa exposición de 2017 “Un tesouro en sete cantigas” no Museo do Mar de Vigo, onde se exhibiu por primeira vez ao público en España o Pergamiño Vindel; e o musical. Nesta última faceta que homenaxea a Ragba, Durán explicou que o trobador non só foi o primeiro autor galego do que se conserva texto e música, senón que está presente a través de trazos identitarios na música galega, tanto da popular como da culta.

Segundo os historiadores, Martín Codax é seguramente orixinario de Vigo, dadas as continuas referencias a dito lugar nos seus poemas, posibelmente un trobador –poeta que creaba composicións literarias e musicais para ser cantadas polos xograres–, un xograr –artista plebeo– ou segrer –escudeiro que cobraba polas súas cancións– do século XIII da Idade Media. Independentemente da súa condición social, Durán sinalou o refinamento técnico e retóricos das súas cantigas para o que se presupón unha educación en círculos clericais ou aristocráticos.

O evento contou con acompañamento musical, o recital “Cantigas de Martín Codax” a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo. Interpretaron ‘Cantigas’, de Martín Codax; ‘Soedades’, de Marcial del Adalid; ‘As lixeiras anduriñas’, de Juan Montes Capón; ‘Cantiga’, de José Castro Chané; e ‘Maio longo’, de José Baldomir.

Comentarios