A 'reinvención' do encaixe galego e o poeta vasco Joseba Sarrionandia protagonizan o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario, á venda na fin de semana, falamos tamén do 'pai de trobadores', o ilustre Martín Codax.
Detalles do próximo 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles do próximo 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario traerá este 1 de abril entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a Mostra do Encaixe de Camariñas e a súa reinvención, trasladándoa aos estilos da moda moderna, do popular encaixe galego. A xornalista Mar Álvarez asina esta reportaxe, titulada 'Modernidade e tradición: o encaixe galego na moda actual'.

"Como cada día, Norma chega ao local da avenida da Coruña, en Camariñas, ás 10 da mañá. Ao abrir a porta ve que unha das súas compañeiras da asociación xa está limpando para ter todo listo para iniciar o traballo. Ambas collen cadansúa almofada, colocan sobre elas os seus modelos de cartón e comezan a palillar. Desde ese momento, os palillos de madeira de buxo, típicos da zona, empezan a bailar entre as mans das artesás, cruzándose entre si sen descanso, até que o fío crea un tecido de fermosos motivos florais. Norma é unha das 12 mulleres que traballan na Asociación Palilleiras Puntillas de Camariñas, e que manteñen vivo o legado que súas nais, tías e avoas lles deixaron: a arte do encaixe", explica Álvarez neste texto.

Joseba Sarrionandia 'Sarri'

A entrevista deste novo Sermos asínaa Manuel Xestoso, que conversa con Joseba Sarrionandia 'Sarri', un dos autores máis prolíficos e máis recoñecidos da literatura vasca. Formado en Filoloxía e Socioloxía, é autor dunha obra ampla na que collen poesía, narrativa, ensaio e literatura infantil e xuvenil, e recibiu infinidade de premios polo seu traballo. Kalandraka traduce agora a súa última obra: Unha volta ao mundo, un libro ilustrado polo artista cubano Ares no que se reproduce o diálogo entre unha profesora de Historia e a súa neta sobre a viaxe de Elcano arredor do mundo. Un conto que, en realidade, invita a revisar os relatos oficiais e a incentivar o espírito crítico ante calquera discurso.

"Cuestionar as certezas é un paso necesario para chegar a unha síntese que a sociedade poida compartir. Por iso aparece unha avoa que trata de construír un relato máis ou menos científico, próximo ás crónicas oficiais, e logo unha nena que desde a inxenuidade máis absoluta obxecta e polemiza con ese relato", sinala Sarrionandia nesta entrevista.

Martín Codax

A segunda reportaxe do semanario corre a conta de Montse González, que aborda a figura do ilustre Martín Codax, 'pai de trobadores'. Nesta peza debulla as infinitas versións, en diversos estilos musicais, de sete poemas que, conectando cun código de canción de muller europeo de inspiración popular, falan dun amor erótico e profano, moito máis próximo á concepción actual do mesmo que ao estereotipo medieval do amor cortés.

"Pouco se sabe sobre Martín Codax. Pouco máis se pode supoñer que que viviu, seguramente, por algún tempo en Vigo, onde probabelmente foi xograr, tal como salienta Giuseppe Tavani na obra Martín Codax. Banarnos emos nas ondas! Tavani sostén tamén a hipótese, discutida por outros autores, de que as sete cantigas de Martín Codax recollidas no Pergamiño Vindel forman unha unidade", sostén González.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos GalizaTensi Xesteira e Inma Otero Varela analizan na sección de Libros as últimas novidades no sector, a comezar pola obra O acontecemento, de Annie Ernaux, así como unha revisión de Poemas inmóbiles de movemento estático, de Fran Alonso. Pola súa parte, Fernando Montenegro achéganos no apartado musical a Malpertuis, o último álbum de Rao Kyao, e David Regueiro asina o artigo 'Como ensaias o inesperado, o descoñecido?', sobre o recente pasamento do músico de jazz Wayne Shorter.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Os reis do mundo, de Laura Mora Ortega, así como outros títulos de estrea. Aliás, Branca Novoneyra escribe na sección A palabra futura sobre 'O enigma da poesía'.

A maiores, Anxo Fole achéganos un menú para xantar "un sábado calquera", e, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, mentres o texto que dá a benvida a este novo número leva a sinatura de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e escritor, e titúlase 'Oiartzun e Concha Murguía'.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios