Máis de cinco mil sinaturas demandan a inclusión de mulleres artistas no currículo educativo

A iniciativa propón modificar o currículo das materias de Arte en Bacharelato para incluír artistas femininas.

 

maruxa mallo
photo_camera Maruxa Mallo

Perto de 6.000 sinaturas nunha semana. Ese é o apoio recibido pola iniciativa impulsada por Miriam Varela, historiadora da Arte de Ferrol, que a través de change.org quer socializar esta demanda.

“Oficialmente as mulleres estamos apartadas do discurso artístico. Cun currículo xa de por se apertado, as profesoras e profesores interesados en ensinar estoutra metade da Historia da Arte teñen que facer verdadeiros malabarismos temporais para poder sacar á luz estas autoras que están excluídas dos contidos oficiais de obrigatorio coñecemento para superar a materia”, indica nun comunicado.

“Atopámonos nun momento no que a reivindicación do papel da muller nas artes está a vivir un verdadeiro apoxeo”, sinálase no texto da petición.

“Empezamos a atopar algúns estudos sobre artistas de gran importancia como  Sofonisba  Anguissola, Clara  Peters,  Artemisia  Gentileschi,  Angelica  Kauffman, Rosa  Bonheur,  Hannah  Höch,  Maruxa Mallo ... mulleres que tiveron un papel fundamental na súa época, foron referencia, dirixiron academias, recoñecidas polos seus compañeiros, mecenas e público”.

“Non é abondo para reconstruír o pasado un estudo separado destas figuras en “monográficos de mulleres” senón que debemos introducilas no discurso xeral creando unha soa Historia inclusiva”.

“Por iso e aproveitando o momento de revisión da educación ao amparo da nova lei de educación “A lei  Celaá” pedimos ao Ministerio de Educación e ás diferentes  Consellarías de Educación das Comunidades Autónomas unha revisión dos currículos das materias de Historia da arte, Fundamentos da arte e Historia para incluír nelas ás mulleres creadoras non como un epígrafe anecdótico senón como parte do discurso maxistral das materias como contidos avaliables e dentro das recomendacións de autores que se consideran esenciais para as Avaliacións de  Aceso á Universidade”.

Comentarios