Margarita Ledo será investida "Raíña Lupa" nas Lupercais da eira da Xoana

A Fundación Eira celebra con estas festas o tempo de Entroido 
A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).
photo_camera A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).

Este sábado 10 de febreiro, a Fundación Eira celebrará o Entroido coas xa tradicionais "festas Lupercais" -a denominación que os romanos daban ás súas festas de primavera- na Eira da Xoana, en Ramil (A Golada).

Durante a xornada, que prevé un xantar de convivio ás 14 horas, designarase Raíña Lupa á xornalista, escritora e cineasta galega Margarita Ledo, "pola súa entrega á cultura e ao país".   

Ledo -que tamén e académica de número da Real Academa Galega e que vén de recibir o premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a favor da promoción e uso do galego na Universidade- está rodando agora o seu novo filme de non-ficción Prefiro condenarme, a historia de amor dunha mariscadora da ría de Ferrol na que se mesturan desexo, desobediencia e clase social nun tempo, o da ditadura franquista, en que cuestións coma o denominado adulterio ou abandono de fogar eran considerados "delitos específicos das mulleres".

 

Con toda unha vida de militancia ás súas costas, Margarita Ledo é ben coñecida por filmes como Santa Liberdade (2004), A cicatriz branca (2012) ou, sobre todo, Nación (2020), que recibiu, entre outros, o Premio Especial á mellor dirección da película que teña a súa estrea nacional ou mundial, no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

Pero ademais, a homenaxeada   ten cultivado outros campos como  a poesía, a narrativa, a literatura infanto-xuvenil ou o ensaio, xénero este no que dá continuación como docente na  Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os numerosos premios que gañou, destacan o Premio Nacional de Cine da Xunta de Galiza (2008), o premio Os bos e Xenerosos da AELG, ou o Otero Pedrayo (2027). 

 

Comentarios