Entidades culturais de toda a Galiza xuntaranse de novo en Outeiro de Rei

A festa do tecido asociativo galego xa ten todo listo para celebrar a cultura galega en Outeiro de Rei

xantar Convivio
photo_camera Xantar do Convivio da Cultura Galega. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro sábado 8 de xullo a Federación de asociación culturais Galiza Cultura celebra a súa  tradicional festa da cultura galega na que participan as asociacións do país que traballan no ámbito cultural e, unha vez máis, acollidos pola Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei (comarca de Lugo).

Galiza Cultura, desta maneira, volve reunir nun convivio, nunha romaría que xa forma parte tradicional das actividades anuais que realiza a federación, as entidades que traballan na difusión e espallamento da cultura galega nun encontro onde as asociación integrantes poden “compartir experiencias, máis tamén lecer e foliada”.

Deste xeito, a programación do convivio na súa décima edición ten previsto comezar ás 11.15 horas coa acollida, na horta da Casa-Museo, dunha actuación da coral Solfa.

De seguido, ás 11.45 horas, sairán a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María e Saleta.

Benvida de Birloque Gaiteiros no Convivio de 2023

Ás 12.30 horas, na mesma Carballeira de Santa Isabel, terá lugar a actuación da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, da comarca de Lugo, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz da fadista galega lria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira, para dar paso a continuación ao xantar de convivio.

Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar a foliada conducida por Xurxo Souto, e coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, o propio Xurxo Souto&Richi Casás, Os Parabéns, Baleira, Tribo, e Tradivivas Agra.

Do mesmo xeito, o auditorio da Casa-Museo acollerá pola mañá o habitual encontro do asociacionismo cultural de base na que as directivas das entidades pertencentes a Galiza Cultura (e todas aquelas outras que se queiran sumar) falarán de “mellorar a coordinación entre nós, articular a nosa actuación en común, das nosas experiencias de traballo ao longo do último ano e de como compartir novas actividades e proxectos”.

Asemade, desde a Federación Galiza Cultura convidan a todas as entidades culturais do país, que se queiran achegar, a esta festa da cultura para compartir con eles, e coas máis de 25 entidades asociativas que hoxe en día participan da propia Federación, esta xornada de convivio que decorrerá en Outeiro de Rei. “Todas serán benvidas neste evento que queremos facer aberto ao conxunto da cultura galega”, afirman desde a federación.

Comentarios