Galiza Cultura achega a obra completa de Manuel Lourenzo

Despois de tres anos de edición, coa colaboración do propio autor, o conxunto xa está dispoñíbel.

O actor e dramatugo homenaxeado, Manuel Lourenzo (Foto; AELG)
photo_camera O actor e dramatugo Manuel Lourenzo. (Foto: AELG)

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura vén de anunciar a culminación do traballo de edición da obra completa de Manuel Lourenzo.

A entidade abordou o labor coa colaboración do propio autor. Fixeron as correccións precisas, achegas documentais inéditas, algunhas mesmo extraviadas ou esquecidas no arquivo persoal de Lourenzo.

A construción estrutural desta obra, sinalan, foi un proceso activo, participativo, ao que tamén contribuíu a profesora Cilla Lourenço Módia, "coa súa corrección lingüística e corrección de forma".

Para goce do público 

"Fomos quen de ter preparados sete tomos onde se recollen unha parte importante dos 60 anos de historia do teatro contemporáneo galego, co único obxectivo de poñer a disposición das distintas compañías teatrais galegas para a súa representación e para goce do público en xeral, tanto como espectador coma lector, nunha acción estratéxica de fomento e creación da cultura e de protección, difusión, conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural".

Galiza Cultura destaca un compendio de obras que chega a perto dos 300 títulos. Cada un dos sete tomos acubilla arredor dunhas 800 páxinas que tratan de plasmar de xeito cronolóxico a produción dramática de Manuel Lourenzo

Por xunto "formarán parte do patrimonio colectivo da cultura galega, sendo o noso obxectivo dar traslado deles a cantas máis persoas, entidades, asociacións, colectivos, administracións e centros de ensino para o coñecemento xeral da dramaturxia contemporánea galega".

Historia do teatro galego

Manuel Lourenzo é, ademais de autor dramático, director, actor, produtor, docente, editor e activista. Unha figura pioneira sempre ligada á historia do teatro galego que segue en activo.

O pasado 14 de xuño foi homenaxeado no Salón Teatro de Compostela nun evento organizado pola Fundación Galiza Cultura e a A.C. O Galo e que serviu, ademais, para presentar oficialmente a obra completa do dramaturgo.

As persoas interesadas en adquirila poden dirixirse a Galiza Cultura [[email protected]], que se encargará de facilitarlle a cadaquén as indicacións precisas de como se facer cos sete volumes que recollen o traballo dramático de Manuel Lourenzo.

Comentarios