Manuel O´Rivas volve á literatura infantil con “O raposo e a mestra”

O escritor Manuel Rivas regresa á literatura infantil co libro O raposo e a mestra, unha homenaxe ao monte Pindo e ás mestras. O libro está  no prelo e será presentado no Culturgal.

O raposo e a mestra
photo_camera O raposo e a mestra

Con ilustracións de Jacobo Fernández, O raposo e a mestra significa o regreso de Manuel Rivas á literatura infantil despois de que en 2009 publicara O sombreiro Chichiriteiro (Xerais) ilustrado por Patricia Castelao, a deseñadora que pon imaxes agora ao libro de Ricki Martin. 

En O raposo e a mestra Rivas homenaxea ao Olimpo Celta despois do grande incendio que o asolou este verán e tamén ás mestras, protagonistas da primeira formación en coñecementos e afectos. Regresa Rivas á literatura infantil e faino co seu Manuel O´Rivas, nome que levaba tamén tempo sen aparecer. 

Manuel Rivas presentará o seu novo libro no Culturgal o próximo 30 de novembro, acompañado de Cé Orquestra Fantasma. Na feira das industrias culturais que se celebra cada ano en Pontevedra o escritor presentara tamén na edición do pasado ano o seu máis recente libro, As voces baixas. 


O monte Pindo dálle nome ao raposo protagonista do libro, un animal que coñece as distintas falas e que ten o poder de hipnotizar cos seus ollos. Ilustrado como un cómic, segundo o editor Manuel Bragado trátase dun libro “algareiro para cantar e contar”. 

 

Comentarios