Manuel Antonio segue vixente 100 anos despois

Embora Edicións presenta o manifesto 'Máis alá!' nas localidades natais dos seus autores.
Manuel Antonio publicou 'Máis alá!' en 1922. (Foto: Real Academia Galega)
photo_camera Manuel Antonio publicou 'Máis alá!' en 1922. (Foto: Real Academia Galega)

Cumpríndose 100 anos da súa publicación, o Salón de Actos do Auditorio de Rianxo acolle hoxe a presentación da reedición de Máis alá! ,de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, unha publicación promovida por Edicións Embora e acollida pola vila natal do escritor vangardista.

Foi en xuño de 1922 cando apareceu polos faladoiros literarios e redaccións dos xornais das cidades galegas unha especie de Manifesto ou chamamento á mocidade intelectual do país que deu moito que falar naqueles días. A folla, como é citada sempre esta publicación, convertería 1922 nun ano emblemático para as letras galegas.

O texto criticaba os escritores que seguían aínda o patrón marcado por poetas do século anterior e reivindicaba a liberdade do acto creativo e a non submisión ás regras da lingua e da literatura.

A edición de 2022 contén, a maiores do manifesto, un estudo introdutorio do profesor, investigador e coeditor literario do libro Xosé María Dobarro; o historiador, investigador  e tamén coeditor literario do libro Xesús Torres Regueiro; e do escritor e investigador Ernesto Vázquez Souza. Dobarro e Torres estarán acompañados na presentación rianxeira da nova edición polo académico da Real Academia Galega Xosé Luís Axeitos; o representante de Edicións Embora, Miguel Toval; e o alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez.

O acto de presentación repetirase o próximo 23 de decembro na Coruña, cidade de nacemento do escritor Álvaro Cebreiro. Desta maneira, Máis alá! regresa 100 anos despois ás vilas natais dos seus autores.

Un texto aínda vixente

En conversa con Nós Diario, o alcalde da vila de Rianxo, Adolfo Muíños, mostrouse agradecido de que Edicións Embora poña en valor, con esta nova publicación, "un dos grandes poetas galegos que ten ademais esa vixencia e esa virtualidade aínda 100 anos despois".

Segundo o alcalde, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro manifestan un pensamento "rompedor" e móstrase sorprendido de que esas palabras publicadas en 1922 sigan a ser válidas na actualidade. "Parece mentira que hoxe en día este manifesto teña aínda ese aire de rebeldía, de inconformismo, de non dar todo por feito e incluso de enfrontarse, desde o punto de vista literario, co sistema que estaba vixente no momento", afirmou o rexedor.

Comentarios