Mais unha vez, as editoras galegas acoden á Feira de Boloña sen o apoio da Xunta da Galiza
Chove sobre mollado. Onte inaugurouse a prestixiosa Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, e o sector editorial galego continúa mantendo unha situación de tensión e discrepancias coa Xunta da Galiza. O que debería ser o grande escaparate para o noso principal subsector de edición e motor do comercio exterior -o libro infantil- converteuse no escenario dunha ruptura que Manuel Bragado -editor e un dos máis perspicaces e tenaces observadores do mundo da edición galega- define como un conflito que se arrastra desde hai polo menos tres décadas.
A orixe do desacordo radica na estratexia de presenza da lingua e a literatura galegas no mundo. Bragado sostén, en conversa con Nós Diario, que mentres os profesionais acoden ás feiras con obxectivos instrumentais claros de comprar e vender dereitos, a Consellaría de Cultura -especialmente desde 2009- prioriza obxectivos alleos á lóxica profesional. Bragado sinala que a Xunta moitas veces prefire utilizar estes espazos para promocionar o Camiño de Santiago ou facer promoción turística da Galiza, esquecendo que Boloña é, ante todo, un mercado profesional.
Esta falta de sintonía impide que o país conte cunha estratexia sólida para chegar a ser "País Foco" ou convidado de honra, unha aspiración que outras culturas como a islandesa ou a vasca si lograron con éxito grazas a unha xestión máis profesionalizada e internacionalizada.
A proposta de contar cun organismo similar ao Institut Ramón Llull (Catalunya) ou ao Etxepare Euskal Institutua (Euskadi) é unha das reivindicacións históricas que Manuel Bragado sinala como chave para profesionalizar a proxección exterior da nosa cultura. Bragado menciona que a creación do sempiternamente debatido Instituto Rosalía de Castro provería de ferramentas para a promoción do libro, da lectura e da lingua galega no mundo. Este organismo podería fornecer unha estratexia internacional que a Galiza aínda non posúe.
Unha das tarefas esenciais destes institutos é xestionar e facer chegar aos editores e axentes literarios internacionais as axudas á tradución. Isto é vital para que as obras escritas en galego se poidan ver noutras linguas, algo que Bragado considera unha actividade central en feiras como a de Boloña
O detonante de Boloña: desacordo nos convenios
A ausencia do apoio institucional na feira de Boloña deste ano non é froito do azar, senón dunha negociación que parecía avanzar a respecto doutros anos pero que, finalmente, non chegou a bo porto. Miguel Tovar, presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), explica a Nós Diario que, aínda que as editoras galegas estaban dispostas a aceptar unha proposta económica máis baixa da habitual, houbo puntos do convenio presentados pola Xunta que resultaban inaceptábeis.
Ante a lentitude da administración e a proximidade dos prazos para o aluguer de espazos, os editores decidiron renunciar ao acordo coa Xunta para Boloña e acudir pola súa conta, coas achegas dos propios socios da Asociación Galega de Editoras (AGE) e os fondos procedentes do Centro Español de Derechos Reprográficos (Cedro).
Un stand fechado, símbolo do "desleixo"
A situación en Boloña roza o esperpento segundo as declaracións que obtivo este diario. Malia non existir unha comunicación oficial clara, informouse de que a Xunta podería ter o seu espazo físico alugado pero sen ocupar ou fechado. Bragado cualifica este feito, de confirmarse, como un "desleixo absoluto", mentres que Tovar sinala que malia non ter unha comunicación oficial da Administración, o seguimento do DOG indica que Xunta nin sequera convocou o concurso habitual para o deseño do stand.
Este abandono institucional prodúcese nun momento crítico para un sector onde moitas transaccións xa son electrónicas, pero onde a presenza persoal e o contacto físico cos libros e cos distintos profesionais da edición seguen a ser fundamentais, especialmente no ámbito da ilustración e o deseño.
Silencio administrativo
O pesimismo esténdese tamén cara ás vindeiras citas internacionais. Miguel Tovar revela que os editores xa fecharon pola súa conta a participación na feira de Frankfurt (Alemaña), xa que os prazos de organización son moi extensos e non poden depender da improvisación da Xunta. Para a feira Liber (Barcelona) de outubro, aínda ven marxe de manobra pero, declaran, a falta de diálogo é preocupante.
A desatención administrativa queda patente na denuncia de Tovar sobre a falta de resposta institucional: os editores solicitaron en decembro de 2025 un calendario de reunións para o ano 2026, e a día de hoxe, no mes de abril, a Consellaría de Cultura aínda non contestou ao correo electrónico. "A resposta final da Xunta foi non contestar", lamenta o representante dos editores, describindo un escenario onde a falta de planificación e o desinterese institucional están a pór en perigo a competitividade exterior da cultura galega.
Unha disputa antiga e con visos de eternizarse
A disputa entre a Xunta da Galiza e o mundo editorial galego vén de moi atrás, pero nos últimos anos parece ter acadado un punto de non retorno. Despois de varios anos de desencontros, a Asociación Galega de Editoras (AGE) decidiu, en 2022, asumir a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro, prescindindo da mediación do Goberno galego.
As discrepancias do sector do libro coa Xunta veñen de lonxe e teñen como principal punto de fricción a consideración das feiras como un espazo promocional por parte da Xunta, fronte ao carácter estritamente profesional que defende a AGE e que prevalece no resto dos países da nosa contorna.
A Feira de Boloña, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a máis importante para a industria editorial en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil. Este ano celebra a 63ª edición con Noruega como Convidada de Honra.
Embora Edicións, Kalandraka, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Edicións do Cumio, Edelvives e Laiovento son as empresas asociadas á AGE que participan presencialmente no espazo colectivo da AGE até o 16 de abril. Patas de Peixe e Laiovento asisten á feira como visitantes e Edelvives e Kalandraka contarán, ademais, con espazo propio.